"Queremos socios tecnolóxicos de proximidade que nos axuden a competir cos grandes"

"Queremos socios tecnolóxicos de proximidade que nos axuden a competir cos grandes"


R pechou o último exercicio con 275.000 clientes, 118.000 liñas de móbil e 84 localidades ás que chega con servizos de fibra óptica, ofrecendo velocidades de conexión de ata 100 megas. Ademais, é o operador que máis medra en Galicia e o seu balance anual reflicte un incremento de ingresos do tres por cento en plena crise. Antonio Rodríguez del Corral, xerente de Desenvolvemento de Negocio da empresa e vicepresidente do Cluster, quere contar con máis socios tecnolóxicos galegos para plantar cara aos xigantes do sector. Velaí unha oportunidade para os socios.

Como é posible dar tantas boas noticias nos tempos que corren?

Afortunadamente, os particulares e empresas galegas seguen avalando a calidade dos nosos servizos, ano tras ano. E grazas a eles podemos seguir investindo en Galicia en máis cobertura e novos servizos coma o vídeo baixo demanda, a televisión en alta definición ou a rede multimedia no fogar, por exemplo.

R tamén conseguiu espectro radioeléctrico para despregar redes móbiles de nova xeración. A que porción do pastel da LTE aspira?

Nas poxas do espectro radioeléctrico do ano pasado R conseguiu licenzas para operar no bloque de 2x10 MHz (FDD) da banda de 2,6 GHz, e outro anaco de 10MHZ en TDD, pero non tivo oportunidade de optar a outras –as que levaron os grandes operadores– que son as realmente rendibles comercialmente. Polo tanto, de partida, xa xogamos en inferioridade de condicións. Dende logo que a tecnoloxía LTE en xeral é un futuro no que se vai desenvolver plenamente a chamada superbanda ampla móbil pero non é un futuro masivo a curto prazo. Ademais, hai outro escollo que arestora atopamos: o atraso que aínda existe no desenvolvemento tecnolóxico de terminais LTE. Como exemplo, un smartphone de moita sona tivo que matizar o seu lanzamento en Australia porque os consumidores pensaban que era 4G e realmente non era así. Nós vemos máis oportunidades prácticas a curto prazo para a banda ancha móbil vía wifi que para o LTE. Vimos de anunciar 15.000 puntos wifi en Galicia para os nosos clientes, e queremos seguir por esa vía nos próximos anos.  

As intencións feitas públicas polo Goberno de reducir o número de canles de TDT e non subvencionar o custo da resintonización de antenas colectivas para o despregamento do dividendo dixital benefícianlles?
 

A redución de canles TDT é parte dun proceso lóxico e mundial cara a unha televisión conectada global. En todo o mundo se reduce a televisión polo aire e se incrementa a televisión por cable, adsl IP.  En España fixemos una transición dixital inflacionaria e estamos agora no proceso de pinchar a barbulla da TDT e enganchar de novo coa tendencia mundial. Neste senso, si nos beneficia. Poderíamos dicir que a televisión vía aire é a televisión tonta ou menos conectada –falando desde un punto de vista tecnolóxico– e que a televisión vía cable (cable en xeral, adsl IP) é a televisión intelixente, conectada a internet, con aplicacións, etcétera. Os clientes de R van ter sempre unha oferta máis variada, atractiva e de calidade, porque somos conectados por natureza.  Ademais, nós transmitimos, ademais das canles de cable, as canles TDT en formato TDT, polo que sempre que o cliente use un desco TDT moderno ou conectado (ou una tele TDT con conexión IP) e o conecte á nosa rede é evidente que porá en valor a súa conexión, fronte á daqueles que teñan que pagar a un antenista para seguir vendo a tele e facer unha ponte para ter conexión IP. Ademais, tamén transmitimos as canles TDT en formato cable, polo que os nosos clientes con desco R non terán que resintonizar este vindeiro outono nin chamar e pagar ao antenista. Xa o faremos nós por eles e sen que lles supoña ningún desembolso, claro.

Con LTE chegarán por fin os servizos avanzados de Internet ás áreas rural? Será o fin da famosa fenda dixital?  

A fenda dixital básica xa é moi pequena en Galicia. LTE evidentemente é parte da solución final, pero máis pola súa introdución na banda de 900 MHz que pola tecnoloxía, xa que LTE en 2,6 GHz non é a solución para o rural disperso polo baixo radio de cobertura desa banda. R mantén o seu compromiso de levar a Sociedade da Información a zonas de Galicia onde é difícil facelo, e concentramos a nosa aposta en conectar núcleos rurais á nosa rede de fibra óptica. Só no rural estamos a investir 140 millóns de euros neste período 2009-2013 e xa conectamos 132 núcleos dun total previsto de 193, en colaboración coa SXMIT. A fenda dixital total vai por tanto remitindo a bo ritmo e, sen dúbida, o Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia axudou a dedicar recursos a este obxectivo. O caso do rural disperso é un proceso gradual onde ten cabida o LTE, o satélite e tamén a racionalización do asentamento da poboación en Galicia. Xa se fala dunha segunda fenda dixital entre os que teñen internet de alta calidade a 100 megas e os que teñen internet a 2 ou 6 megas. Nembargantes, para abordar esta segunda fenda hai que falar de reutilizar postes eléctricos asociados oa plan MEGA, de concentrar a poboación en núcleos comarcais, de non seguir apostando polo espallamento de casas fóra dos núcleos tradicionais e cousas polo estilo e non tanto de tecnoloxía.

R leva varios años seguidos sendo el operador que menos queixas recibe. Que importancia lle concede a este dato nun sector particularmente conflitivo na relación entre cliente e operador?

Para nós é un orgullo, dende logo, comprobar que os nosos clientes valoran o esforzo por ofrecer servizos avanzados de telecomunicacións. E cando non é así e recibimos algunha queixa, intentamos responder sempre dun xeito próximo e personalizando, asumindo, por suposto, os nosos erros cando os comentemos. Penso que esa proximidade e familiaridade do Centro de Atención ao Cliente de R é un dos nosos principais activos para que os nosos clientes estean contentos.

Tamén están a gañar cota fronte aos seus competidores, en servizos fixos e móbiles. Cómo o logran e ata onde pode chegar ese crecemento?

Si, R é a opción preferida en Galicia e esperamos seguir así. Seica a clave sexa seguir investindo tamén en novos proxectos, innovar e darlle a oportunidade aos habitantes de Galicia e ás súas empresas de competir co resto do mundo a nivel tecnolóxico. As claves de como o logramos, penso, como comentaba, que son unha mestura de servizos de calidade, profesionalidade e proximidade á xente.

Vídeo baixo demanda, gravador de programas, canles en HD... Cál é a próxima sorpresa que teñen reservada para os seus usuarios?


Arestora as nosas enerxías están envorcadas en desenvolver o mellor servizo de televisión dixital en alta definición do mercado. Un servizo diferencial que nos dea, coma noutras ocasións, un valor engadido fronte aos nosos competidores. Ademais, traballamos arreo para lle dar saída a outras solución novidosas vencelladas, por exemplo, á rede multimedia no fogar ou mesmo de marketing dixital para o comercio galego. E estamos artellando tamén unha rede wifi compartida para todos os nosos clientes.

R é un modelo de innegable éxito en Galicia. Terá a compañía que estender o seu negocio a outras comunidades autónomas para seguir crecendo?


Non descartamos ningunha opción de crecemento, Todo vai depender das circunstancias do mercado e das oportunidades que se presenten. O que é innegable é que os nosos accionistas apostaron por un xeito de facer que respectan e respaldan, o cal xa é unha garantía para seguir traballando con certa seguridade neste proxecto de telecomunicacións.

Son vostedes moi activos no apoio aos emprendedores, respaldando iniciativas como Vindeira Capital Network ou incluso a última xuntanza de Lacon Network. Por que o fan?


Estamos convencidos de que o impulso e o investimento en I+D+i son claves determinantes do desenvolvemento tecnolóxico, social e económico, o verdadeiro motor dunha sociedade… Isto é o que en tempos de crise pode axudarnos a levantar cabeza, a diferenciarnos e a medrar. Queremos axudar a que xurdan socios tecnolóxicos de proximidade que nos axuden a diferenciarnos e a competir cos grandes operadores. Neste senso, vemos que o Cluster, xunto con Vindeira, son as pezas claves do artellamento do sector e da xeración de negocio compartido e de novas iniciativas empresariais. Por iso asumimos o compromiso de liderar Vindeira xunto con Gradiant e de participar nos órganos de dirección do Cluster, e tentamos de animar a todo o mundo a que se una para propor proxectos máis ambiciosos de desenvolvemento tecnolóxico. É fundamental contar con centros tecnolóxicos potentes, e tendo a sorte que temos en Galicia de ter os tres que temos –Gradiant, Citic e Cesga–  hai que esixirlles que tiren do sector á hora de aportar ideas e novos eidos de investimento en tecnoloxía.

R seguirá sendo unha empresa galega e cos seus centros de decisión na comunidade autónoma?

R naceu en Galicia e confiou dende o principio no potencial desta comunidade para levar a cabo un proxecto tan ambicioso como o de despregar unha rede propia de fibra óptica. Fíxoo, e segue a facelo, con éxito, grazas á confianza dos seus accionistas primeiros e dos que viñeron despois. Todos eles apostaron sempre por esa maneira de facer as cousas, por un modelo de negocio concreto que desenvolvemos aquí. Non sabemos –nestes tempos convulsos e difíciles para todos– o que nos deparará o futuro, pero polo de agora o proxecto que avalan os nosos accionistas está na nosa comunidade. Xa levamos tres accionistas de control e a esencia do plan non cambiou, polo que entendemos que podemos seguir facéndoo así.

Aseguran ter contratado en 2011 servizos por importe de 70 millóns con empresas con sede social en Galicia. Significa iso que R é unha desas locomotoras que tanto necesita el sector TIC galego para su despegue?

Setenta millóns debe ser entre un sete e un dez por cento do mercado galego de servizos TIC, excluíndo a facturación de operadores. Non somos unha locomotora única, pero si sen dúbida achegamos uns cantos grans de area. O certo é que deixamos en Galicia 200 millóns de euros cada ano, se engadimos a eses 70 millóns sinalados os nosos gastos de persoal, gastos xerais e investimentos en obra civil. Xa intentamos que se fixese en Galicia o noso descodificador HD ou o noso cable-router Docsis 3.0, pero polo de agora non o conseguimos. Seguimos buscando socios que nos acheguen plataformas que creen novos servizos de valor para os nosos clientes, como demostramos a semana pasada co avance do proxecto Fogar Asistencial Dixital, que estamos a facer integramente en Galicia. Os socios do Cluster teñen sempre as nosas portas abertas para propor este tipo de servizos e eu, en particular, ofrézome a escoitar esas posibles propostas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies