"Queremos expandirnos cara aos centros de decisión das grandes multinacionais"

"Queremos expandirnos cara aos centros de decisión das grandes multinacionais"


Con máis de 560 millóns de euros de facturación anual, 10.000 profesionais e oficinas en doce países, Everis sobresae no panorama español da consultaría. Jesús Lage Fernandez, director da oficina galega, explica que unha das claves do seu éxito é manter o mesmo espírito emprendedor que impulsou o nacemento da compañía hai quince anos. Lage desempeña o cargo de secretario do Cluster TIC Galicia, o que dá proba do compromiso de Everis co proxecto integrador do sector na comunidade autónoma.

Que representa o mercado galego para unha consultora das dimensións de Everis?


O noso mercado é pequeno en comparación co doutras oficinas da compañía, pero a vocación de Everis é a de ser líder en todos os mercados nos que operamos. A oficina da Coruña, dende onde se xestionan as operacións da compañía en Galicia e Asturias, é unha oficina máis, que achega talento e capital humano, e dende a que se xestionan proxectos e clientes importantes para a compañía.

Cantas persoas de Everis traballan en Galicia e que volume facturan?


Na oficina galega de Everis traballamos actualmente 150 profesionais. A nosa facturación ascende a 7 millóns de euros en proxectos executados dende A Coruña, xa sexa para os nosos clientes en Galicia e Asturias, ou para clientes doutras oficinas da compañía.

Everis rexistrou un crecemento anual dos seus ingresos globais do 12%, o cal é unha cifra destacada, pero aínda o é máis ter obtido unha alza do 10% na facturación en España, en plena crise económica. Como foi posible obter ese resultado?


Conseguímolo cunha receita moi sinxela: a de ser fieis ao noso modelo de compañía baseado no talento dos nosos profesionais e en manter o mesmo espírito emprendedor co que empezou a empresa fai xa quince anos. O noso é un modelo que se estuda nalgunhas escolas de negocios. Isto é o que nos trouxo onde estamos e é o que esperamos que manteña o noso ritmo de crecemento a medio e longo prazo.  

Que influencia ten o feito de que os propios profesionais de Everis sexan o principal grupo de accionistas da compañía?

O realmente importante non é a propiedade, senón o modelo de Everis. Un modelo que investiu en talento, innovación e excelencia, e que se sustentou de forma coherente en valores como o emprendemiento, o compromiso e a actitude positiva. Un modelo que coida as persoas. A propiedade non foi máis que o instrumento co que se articulou ata agora a repartición do incremento de valor de compañía entre todos os traballadores que contribuímos a este.

Everis ten un negocio moi diversificado, en que sectores e liñas de actividade prevén un maior crecemento a curto e medio prazo?


O noso plan estratéxico establece tres liñas de crecemento. Por un lado, queremos seguir sendo líderes nos mercados onde xa estamos, crecendo dende a excelencia, a innovación, a calidade e a produtividade. Por outro lado, queremos seguir expandíndonos internacionalmente cara a novas xeografías, e fundamentalmente cara a aquelas onde historicamente non tivemos presenza e que albergan os centros de decisión das grandes compañías multinacionais. Así mesmo, queremos diversificar os nosos negocios cara a actividades innovadoras e de alto potencial de crecemento fóra do ámbito da consultaría, o que nós chamamos initiatives. Aquí é onde se enmarcan iniciativas xa en marcha como Everis aeroespacial e defensa, Ameu8, Fitalent, Exeleria, Everilion e Konoss.

Obteñen un terzo dos seus ingresos dos seus ingresos de actividades no estranxeiro. Van apostar pola apertura de novas oficinas en novos países?


A apertura de novas áreas xeográficas é un dos eixes do noso plan estratéxico. Nos últimos dous anos abrimos oficinas en Estados Unidos, Reino Unido, Bruxelas, e Perú. A nosa área de desenvolvemento de negocio está permanentemente a estudar a viabilidade de abrir novos países.

Que países recomendaría ás empresas TIC galegas que queiran internacionalizarse?


Todo depende das circunstancias concretas de cada empresa, de aspectos como o seu produto ou a cultura da empresa, pero considero que dende España hai dúas estratexias válidas: a que nós seguimos no seu día cara a América Latina (países como Chile, Brasil ou México son boas alternativas hoxe en día) e a que impulsamos recentemente cara ao mercado anglosaxón: Estados Unidos e Reino Unido.  

A última edición do informe As tecnoloxías da información e das comunicacións na empresa española, que Everis elabora en colaboración con Ametic, indica que Galicia ocupa o posto 13 entre as comunidades autónomas en canto a penetración das TIC. Que fai falta para compensar esa desvantaxe?


Dende o sector das tecnoloxías da información e as comunicacións, non só en Galicia, temos que conseguir que os nosos empresarios vexan nas TIC un elemento estratéxico nos seus negocios. Na actualidade as TIC non son xa en moitos casos unha panca de xeración de vantaxes competitivas, senón unha ferramenta imprescindible para garantir a competitividade, e, polo tanto a sustentabilidade das empresas. Debemos achegarnos máis a eles e explicárllelo falando a súa linguaxe, non o noso.

Que son exactamente os centros de alto rendemento Everis centres? Podería poñerse en marcha algún en Galicia?


Esta liñade negocio leva funcionando máis de catro anos e conta coa estrutura e as capacidades para realizar parte da nosa actividade de forma industrializada, cun elevado nivel de produtividade e eficiencia. Na actualidade hai centros de alto rendemento de Everis en Sevilla, Murcia, Alicante, Temuco (Chile), San Miguel de Tucumán (Arxentina) e Uberlandia (Brasil). Galicia conta con moitos dos requisitos para albergar un destes centros, o que nos converte sempre nunha moi boa alternativa.

A posta en marcha dunha iniciativa como Fitalent, un fondo de investimento centrado en start-ups base tecnolóxica, demostra o compromiso de Everis cos emprendedores. Cre que neste terreo hai unha boa coordinación das iniciativas de orixe pública e as de orixe privada?


Hai coñecemento entre a parte pública e a privada, pero creo que aínda non chegamos ao que subxace da coordinación. Unha actuación completamente coordinada implicaría unha estratexia conxunta e isto aínda non se dá, se ben é certo que non é doado dado os intereses das partes. Estou convencido de que si é necesario formular a visión, complementariedade e sinerxías entre ambas as dúas iniciativas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies