Participamos na conferencia do proxecto AT Clusters

Participamos na conferencia do proxecto AT Clusters


O pasado mércores 7 de maio, o Clúster TIC asistiu á conferencia final do proxecto AT Clusters, proxecto liderado polo IGAPE, que xuntou a clústeres sectoriais de Galicia, Asturias, Portugal, Francia e Irlanda con representantes empresariais galegos, a través de mesas redondas ao redor dos sectores naval, téxtil, alimentación e industrias culturais. Durante a xornada, os participantes destacaron a importancia da cooperación dos clústeres, sobre todo a nivel internacional, como vía para atopar novas oportunidades para as empresas e o papel que estas organizacións terán na implantación das Estratexias de Especialización rexionais a nivel europeo. A xornada comezou cunha introdución sobre o proxecto ATClusters e o seu percorrido desde o lanzamento da iniciativa no ano 2009, así coma a súa continuidade a través do proxecto ATC4E (ATClusters for Excellence), no que participan a maioría dos socios iniciais do proxecto AT Clústeres. Deste modo, representantes das axencias de desenvolvemento rexional de Asturias, Bretaña, Norte de Portugal e o sur de Irlanda, expuxeron as principais actividades levadas a cabo por cada axencia no marco do proxecto nos últimos meses, destacando as distintas visitas que os clústeres realizaron a diversas rexións de interese para coñecer de primeira man o seu modo de operación, a política de clústeres da rexión e as oportunidades de colaboración existentes. O IGAPE, como líder do proxecto e anfitrión da xornada, fixo un repaso polas últimas actividades realizadas cos clústeres galegos e a súa política xeral para con eles. Todas as rexións presentes coincidiron en que o proxecto AT Clusters favoreceu unha maior comunicación e colaboración entre as rexións que esperan continuar a través dos contactos entre os seus clústeres, fomentando as sinerxías existentes.

A xornada contou ademais coa participación de James Wilson, representante do Instituto Vasco de Competitividade (Orkestra), que fixo un repaso das distintas políticas de clústeres existentes a nivel europeo, destacando a labor dos clústeres na definición e implantación das distintas estratexias de especialización rexionais, así como a necesidade por parte dos clústeres de afrontar un proceso de especialización propio aliñado coa estratexia xeral da súa rexión para que as políticas resulten efectivas e redunden positivamente no desenvolvemento económico da rexión.

A quenda das empresas para achegarse aos distintos clústeres presentes chegou a través das mesas redondas que tiveron lugar en paralelo durante a segunda parte da xornada. Así, contouse con mesas redondas dos sectores naval, téxtil, alimentario e de industrias creativas, onde diversos profesionais expuxeron proxectos, tendencias e políticas que afectan a cada un dos sectores tratados. Con respecto á mesa de industrias creativas, tratáronse aspectos tales como a transversalidade das industrias creativas e o seu enlace, por proximidade, coas TIC, destacando a importancia que a Comisión Europea lles está a dar aos sectores creativos como potenciadores das industrias tradicionais, se ben o seu papel aínda non está totalmente definido.

A clausura da xornada correu a cargo de Yolanda Alcalá, en representación do MINETUR, e Javier Aguilera Navarro, Director Xeral do IGAPE. Yolanda Alcalá destacou as políticas nacionais de impulso dos clústeres a través do programa de Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs), programa posto en marcha no ano 2007 e que actualmente está a ser modificado para centrar os seus esforzos na dinamización de proxectos tanto entre clústeres coma entre as súas empresas socias. Pola súa parte, Javier Aguilera, destacou o papel dos clústeres como panca de competitividade para os sectores económicos galegos comentando, ademais, a presenza en Galicia de varios clústeres con etiquetas de excelencia do European Secretariat for Cluster Analysis (ESCA), o que acredita o bo camiño que están a tomar estas entidades.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies