Os socios do Cluster terán acceso privilexiado ás oportunidades de financiamento de Vindeira Capital Network

Os socios do Cluster terán acceso privilexiado ás oportunidades de financiamento de Vindeira Capital Network


  • Na súa terceira edición, o evento captará ata 40 millóns de euros de fondos de capital risco e business angels para a posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica.
  • O Cluster é o promotor principal e formará parte do comité de selección de candidatos.
  • Os proxectos dos socios poderán ter acceso directo ás xornadas de financiamento.

A terceira edición de Vindeira Capital Network (VCN 2012) púxose en marcha onte coa presentación do evento, que tivo lugar no reitorado da Universidade de Santiago, e a apertura do prazo para a inscrición dos proxectos que aspiren a tomar parte nel.

O envento propiamente dito terá lugar os días 10 e 11 de maio en Santiago de Compostela. Nesas dúas xornadas, os promotores de proxectos de nova empresa tecnolóxica que teñan superado os procesos previos de selección e formación poderán expoñer as súas ideas diante de analistas, conselleiros delegados e directores de investimento dos máis importantes fondos de capital risco e business angels especializados en TIC de toda España. Deste xeito, poderanse captar ata cuarenta millón de euros para o desenvolvemento dos proxectos.

VCN 2012 está organizado por Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, a Universidade de Santiago de Compostela e BIC Galicia, e promovido polo Cluster TIC Galicia e o IGAPE coa colaboración de Uninvest/Unirisco.

O Cluster, promotor da iniciativa

Como promotor da inciativa, o Cluster TIC Galicia tomará parte no comité de preselección de proxectos. Ademáis, as entidades integradas no Cluster terán dereito a presentar proxectos a través de filiais. Estes proxectos terán acceso directo a VCN 2012 , e sumaranse aos proxectos que teñan superado o proceso selectivo previo, “sexa cal sexa o número destes”. Así o asegurou Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira, na presentación ante os medios de VCN 2012.

Pola súa banda, Gerardo Crespo, presidente do Cluster TIC Galicia, sinalou que a entidade, “como vertebradora do sector galego”, tiña que estar nun evento como VCN 2012, que representa unha oportunidade de captar fondos para novos proxectos TIC. Crespo agradeceu a iniciativa de Vindeira e das entidades colaboradoras, destacou que os socios do Cluster poderán presentar os seus proxectos a través de filiais e animou a empresas e emprendedores a participar.

Ademáis dos máximos responsables do Cluster TIC Galicia e de Vindeira, na presentación ante os medios de VCN 2012 interviñeron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares; a directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo, e o conselleiro delegado de Uninvest/Unirisco, Carlos Hernández.

Segundo se explicou, na edición deste ano Vindeira Capital Network prevé a implicación de preto de medio cento de investidores tanto galegos como do ámbito nacional e internacional, favorecendo o inicio de novas roldas de financiamento e afianzando a rede de apoio á creación de start-ups do sector TIC en Galicia.

Proceso selectivo


O proceso de selección de proxectos interesados en participar no evento prolongarase ata o 17 de febreiro. Poderán concorrer empresas intensivas en tecnoloxía constituídas ou próximas á súa constitución no momento de realizar a inscrición. A seguinte etapa será do 20 ao 24 de febreiro, semana na que se desenvolverá o proceso de preselección por parte dunha comisión integrada por representantes do Comité Executivo de Vindeira, do Comité Estratéxico do Cluster de Galicia e por profesionais do sector TIC tanto do mundo empresarial como académico. Esta comisión encargarase de identificar a adecuación das propostas ás características de proxecto esperadas polos investidores que asistirán ao evento.

Venture Academy

De marzo a abril celebrarase a Venture Academy, que este ano impartirá BIC Galicia. Trátase dun completo programa de formación continua e de mentorización de proxectos, que será obrigatoria para os emprendedores seleccionados para participar en VCN 2012.

Ademais, está previsto realizar, no mesmo mes de marzo, unha xornada de detección de spin-outs para identificar oportunidades de negocio baseadas en tecnoloxías desenvolvidas dentro de empresas xa existentes, animando á creación de spin-outs que revertan en beneficios financeiros, tecnolóxicos e estratéxicos para a empresa matriz. Tamén se celebrará unha xornada que reunirá a investidores privados galegos, enfocada a identificar e harmonizar os vehículos de investimento actuais de cara ás roldas de co-investimento.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies