Nunha entrevista no programa "Os Almorzos de Galicia por diante", de Radio Galega, emitida o día 23 de maio, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, instou ás administracións e ás empresas galegas a trazaren unha estratexia para aproveitar os fondos europeos para novas tecnoloxías.
Del Corral asegurou que "agora hai unha oportunidade única" co novo presuposto europeo 2014-2020 porque os fondos FEDER deben ir para "innovación". Tras asegurar que o sector en Galicia é punteiro e que "está aguantando ben a crise", o presidente do Clúster TIC dixo que "temos que pensar moi ben, este ano, todos como sociedade, de que forma, que instrumentos se crean para investir estes cartos; porque á parte de ser unha oportunidade enorme para Galicia -porque temos máis cartos que outros polas nosas condicións- non pode ser, ou sería moi triste que no ano 2020 botásemos a vista atrás e vísemos eses 2.000 millóns de euros investidos en innovación pero con mal resultado".
Rodríguez del Corral abogou pola especialización dentro das TIC galegas, como elemento imprescindible para mellorar a capacidade exportadora. Defendeu tamén o sector como receptor de fondos públicos polo seu carácter de investimento "produtivo". De feito, según indicou, as TIC teñen sido recoñecidas pola Unión Europea como un dos sectores clave para o crecemento económico cara ao futuro.
Escoitar a entrevista na web de Radio Galega.
Comments