O Instituto de Promoción Económica de Galicia (Igape), en colaboración coa Cámara de Comercio e Industria España Israel en Galicia, MATIMOP (axencia do Goberno de Israel que xera e implementa programas de I+D industriais cooperativos internacionais) e o Israel Export & International Cooperation Institute (IEICI), ven de presentar o programa Maio de Galicia en Israel, un proxecto de internacionalización integral e multisectorial que se desenvolverá durante o vindeiro mes neste país de Oriente Medio.
Segundo indica o Igape, esta iniciativa representa unha oportunidade estratéxica para a xeración, desenvolvemento e fortalecemento de relacións de cooperación e negocios entre Galicia e Israel, un novo e potencial panorama que poderá beneficiar e achegar valor a ambas as dúas partes. Os socios do Cluster TIC Galicia poderán participar no proxecto en condicións económicas de vantaxe, xa que o Igape achegará ás empresas interesadas unha importante bolsa de viaxe que reducirá sensiblemente os custes da participación no programa.
Maio de Galicia en Israel é a terceira fase dun proxecto iniciado hai dous anos, e continuación do traballo desenvolvido na Xornada de Cooperacion e Transferencia de Coñecemento celebrada en abril de 2010 en Santiago de Compostela, seguida pola misión internacional Transferencia de Coñecemento. Obxectivo: Israel, a xeografía do éxito, executada en maio de 2011.
Segundo indica o Igape, a celebración de catro grandes eventos transforman a Israel en epicentro mundial de tecnoloxía, innovación e negocios. Trátase de eventos relacionados con sectores estratéxicos e altamente competitivos en Israel e á súa vez predominantes e con grande interese para Galicia.
Os eventos integrados no programa Maio de Galicia en Israel son os seguintes:
Building 2012. Do 8 ao 10 de maio.
Agritech 2012. Do 15 ao 17 de mayo.
ILSI BioMed 2012. Do 21 ao 23 de maio.
New-Tech Exhibition 2012. Do 22 ao 23 maio.
O último dos eventos indicados é o máis directamente vencellado coas TIC. Trátase dunha mostra internacional do sector Hi-Tec e electrónica, e constitúe unha plataforma para a colaboración entre a industria israelí de alta tecnoloxía e empresas internacionais, para desenvolvemento, produción e innovación.
Os socios que desexen recibir máis información sobre o programa poden poñerse en contacto coa administración do Cluster.
Adxúntanse os folletos explicativos do programa Maio de Galicia en Israel e da feria New-Tehch Exhibition, e a folla de inscrición.
Acceso á zona de inscrición en eventos da web do Igape.
Teléfono de información do Igape: 902 300 903.
Maio de Galicia en Israel. Programa
Comments