O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza mañá xoves, día 12 de xuño, unha conferencia do Chief It Advisor da Comisión Europea, Francisco García Morán, sobre as Oportunidades de negocio para as empresas TIC nas Institucións da UE. Será na sede da Escola Galega de Administración Pública (Egap) a partir das seis da tarde.
O relator realizará unha breve descrición da UE e as súas institucións, ademais de analizar a Axenda Dixital Europea. Así mesmo, abordará a organización informática das institucións da UE, en particular a da Comisión Europea. García Morán analizará as ferramentas para a Gobernanza TIC, a xestión de proxectos e de servizos, e o desenvolvemento de sistemas de información. Finalizará o relatorio ao abordar a adquisición de produtos e servizos.
Asunto: Conferencia do Conselleiro Xefe en TIC da Comisión Europea, Francisco García Morán
Data: Xoves, 12 de xuño
Hora: 18.00 H.Lugar: Salón de Actos da Escola Galega de Administración Pública
Premio Traxectoria Profesional do CPEIG
O conselleiro xefe en TIC e ex-director xeral de Informática da Comisión Europea, Francisco García Morán, recibirá ao día seguinte da súa conferencia o premio Traxectoria Profesional, que concede anualmente o CPEIG. O galardón entregarase no decurso da sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o venres, día 13, no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.
Francisco García Morán é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. A súa traxectoria comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla. Despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Junta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática.
En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsable a partir de novembro de 2005 ata febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea, en calidade de xefe de Informática, centrado en áreas tan importantes como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC. Na actualidade traballa especialmente no apoio a Grecia para o desenvolvemento da estratexia dixital e do eGoberno grego. Tamén colabora na avaliación de proxectos sectoriais TIC para Grecia financiados con fondos estruturais europeos.
Comments