O Cluster súmase ao programa Voluntariado Dixital como entidade colaboradora

O Cluster súmase ao programa Voluntariado Dixital como entidade colaboradora


Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente do Cluster TIC Galicia e presidente en funcións, representará á entidade no acto de sinatura do protocolo de colaboración co programa Voluntariado Dixital, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Coa súa adhesión como entidade colaboradora, o Cluster comprométese a participar na realización de actividades de información, asesoramento e difusión do programa Voluntariado Dixital.

Os socios do Cluster que o desexen poden asistir ao evento no que se asinará o protocolo de colaboración e que terá lugar o martes 26 de xuño, no Auditorio da Cidade da Clutura de Santiago de Compostela. O acto estará presidido por Mar Pereira Álvarez, directora de AMTEGA, e está previsto que tamén interveñan Anxo Queiruga Vila, presidente do CERMI; María Luisa Ansorena Hortega, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia; Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado; José Manuel Rey Varela, presidente da FGAMP, e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia.

Por razóns de protocolo, os socios interesados en asistir deberán comunicalo á Administración do Cluster a través da dirección de correo electrónico info@clusterticgalicia.com  

Unha iniciativa inclusiva


Voluntariado Dixital
naceu co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía. Está previsto que o programa se desenvolva en todo o territorio galego, man a man coas entidades que se queiran sumar ao proxecto como colaboradoras, e contando tamén con persoas que se converterán en voluntarios dixitais. Preténdese, deste xeito, fomentar o uso das novas tecnoloxías por parte dos colectivos máis afectados pola denominada fenda dixital: persoas maiores, inmigrantes, persoas con discapacidade, poboación do medio rural, etcétera.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies