Co éxito da Primeira Misión Comercial Inversa organizada polo Clúster, o sector TIC galego deu un paso decisivo para abirse as portas dos mercados latinoamericanos. A Misión, que se desenvolveu entre os días 27 e 30 de novembro, trouxo a Galicia a representantes de nove entidades procedentes de Brasil, Uruguai, Chile, Panamá e Honduras. Estas entidades pertencen aos sectores da telefonía, a televisión, os servizos de Internet, a xestión hospitalaria, o hardware, o software e a consultoría.
Ao longo de catro xornadas, os representantes destas firmas obtiveron unha visión ampla e actualizada da economía galega e das potencialidades do seu sector das tecnoloxías da información e as comunicacións, ao tempo que participaron en actividades de networking con empresas pertencentes ao clúster. Á vista da excelente receptividade mostrada pola delegación latinoamericana, este encontro ha de supoñer un primeiro paso para que se establezan relacións comerciais que permitirán ás empresas TIC galegas participar en licitacións, encontrar socios tecnolóxicos e alcanzar acordos comerciais con firmas e entidades daquel continente. Non en van, a Misión se insire no eixe da internacionalización e fomento da exportación, prioritario no Plan Estratéxico do Clúster TIC Galicia.
Proyectos de I+D+i
O programa incluíu visitas institucionais aos concellos de Santiago de Compostela e A Coruña, onde os participantes na Misión coñeceron o desenvolvemento de Coruña Smart City, un dos proxectos TIC emblemáticos que se están a desenvolver na Comunidade Autónoma. Tamén tiveron ocasión de coñecer as liñas de traballo das entidades galegas de referencia en I+D+i e proxectos en sanidade dixital e en innovación multimedia, áreas nas que Galicia está na punta de lanza da innovación internacional.
Tal e como sinalou o alcalde Agustín Hernández na recepción que tivo lugar no Concello de Santiago de Compostela, a Misión puxo en valor o dinamismo do sector TIC, co obxectivo de abrir "mercados con gran potencial e cunha forte relación histórica e cultural, moi propicia para a colaboración e o intercambio".
Na recepción que tivo lugar na Coruña e na que se presentou o proxecto Coruña Smart City, o tenente de alcalde Martín Fernández Prado tamén destacou a importancia do sector TIC que, segundo dixo, "permitiu que, en momentos de crise, se creasen empregos" e que conta en Galicia con empresas que exportan e que teñen sido recoñecidas con numerosos premios internacionais.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC, incidiu na modernidade da economía galega, destacando o papel dos centros tecnolóxicos no seu apoio á innovación empresarial, a alta cualificación da man de obra especializada e as excelentes comunicacións marítimas, aeroportuarias, e a través de fibra óptica. Ante os representantes latinoamericanos, Del Corral salientou tamén que o sector TIC representa o 2% do PIB galego, cun volume de negocio de 2.290 millóns de euros, e resaltou que dous centenares de empresas realizan actividades intensivas en I+D+i.
A primeira Misión Comercial Inversa do Clúster TIC Galicia contou con cofinanciamento do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da liña de axudas a osorgnismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas. A iniciativa alíñase coa política de clústers que se impulsa dende a Unión Europea.
Comentarios