A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Axencia de Turismo, o Clúster Turismo de Galicia e o Clúster TIC galego, organiza o día 18 de decembro, no Salón de Actos do edificio CINC da Cidade da Cultura, unha xornada sobre retos e oportunidades tecnolóxicas para o sector do turismo.
Esta xornada supón un punto de encontro entre as empresas do sector tecnolóxico e as do sector turístico para abordar os retos pendentes na aplicación das novas tecnoloxías ao turismo e amosaranse, de forma práctica, as solucións máis innovadoras que existen a día de hoxe para o turismo.
A apertura do encontro correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.
Conferencias e mesas redondas
O programa da xornada, que se desenvolverá en horario de 10.00 a 20.00 horas, inclúe varios relatorios acerca das oportunidades e as transformacións que supoñen as TIC para o sector turístico. A primeira conferencia da mañá tratará os cambios no mercado do turismo en virtude da tecnoloxía. A continuación celebraranse dúas mesas temáticas, a primeira sobre a experiencia do cliente (turista) a través das aplicacións móbiles e a segunda sobre a economía colaborativa e os novos axentes na cadea de valor do turismo.
Xa pola tarde, abrirase a sesión cunha nova mesa temática acerca do valor da marca dixital. Posteriormente, farase unha presentación das empresas TIC e do Catálogo de provedores e solucións tecnolóxicas galegas para o turismo (TurismoTIC.gal), unha ferramenta online onde as empresas do sector turístico poderán atopar unha mostra representativa de empresas TIC galegas que poden converterse en aliados tecnolóxicos no cumprimento dos seus obxectivos de negocio. A xornada finalizará cun networking no que as empresas poderán aproveitar para facer contactos e buscar oportunidades.
A asistencia á xornada é de balde, previa inscrición a través da páxina web do CDTIC.
Comments