- Aprobados por unanimidade os novos Estatutos do Clúster TIC, nunha Asemblea que contou cunha participación dun 80%
- Os Centros Tecnolóxicos poderán ser socios de pleno dereito xunto con empresas, colexios e asociacións.
- Emprendedores e promotores TIC poderán ser socios e participar no Clúster
A Asemblea Xeral Extraordinaria do Clúster TIC Galicia celebrada onte en Santiago de Compostela aprobou por unanimidade os novos estatutos da entidade. Estes cambios estatutarios, que son o froito dun longo traballo no seo da organización, teñen por obxectivos facilitar a incorporación de socios, mellorar e axilizar a operatividade administrativa, eliminar duplicidades nos órganos de dirección, reforzar a participación das empresas e ampliar o tecido colaborativo. A Asemblea, na que estiveron representados o 80% dos socios, otorgou poderes de rexistro dos novos estatutos ao actual Comité de Dirección e estipulou un prazo de tres meses para a convocatoria dunha nova asemblea na que terán lugar as eleccións aos órganos directivos. Os principais cambios nos estatutos do Clúster son os seguintes:
- Nova clasificación dos socios en dous grupos:
- Socios, categoría na que se inclúen as empresas grandes (con facturación igual ou superior a seis millóns de euros ao ano), as empresas pequenas (con facturación inferior a seis millóns) e más as asociacións empresarialis, os colexios profesionais e os centros tecnolóxicos.
- Socios especiais, categoría na que entran os emprendedores, empresas de nova creación e outras entidades de tipo diferente aos mencionados.
- O Comité de Dirección pasa a ser o único órgano executivo e operativo. Terá un mínimo de catro membros e un máximo de 17, que serán elixidos en Asemblea Xeral entre os socios de pleno dereito, e con paridade entre as empresas grandes e pequenas.
- O Comité Estratéxico redefínese como órgano de consulta e asesoramento, e todos os socios serán elixibles para formar parte del. Asemade, a participación no Comité Estratéxico estará aberta a todas aquelas persoas ou entidades que se consideren de interese e que sexan convidadas pola Presidencia.
- No proceso de elección á Presidencia todos os socos terán dereito a voto, a razón de un voto cada un, e serán elixibles todos os socios de pleno dereito.
- A elección dos membros do Comité de Dirección farase en votación diferente á da Presidencia, e cada grupo de empresas (grandes e pequenas) elixirá aos seus representantes. As asociacións, colexios e centros tecnolóxicos decidirán previamente a que grupo presentan candidatura e por que grupo votan.
- As Comisións de Traballo terán carácter permanente, creándose e disolvéndose por iniciativa do Comité e Dirección, mentres que os Grupos de Traballo terán carácter temporal e deliberarán sobre meterias tecnolóxicas ou de interese para o sector.
- Respecto ao réxime económico, as cotas sociais serán establecidas pola Asemblea, respetando o criterio da autosostenibilidade financeira.
Comments