Novas Cluster TIC Galicia, nº 5. Editorial

Novas Cluster TIC Galicia, nº 5. Editorial


None



Prezado socio:

A presentación deste novo número do noso boletín mensual ten que centrarse na boa nova de que o Cluster TIC conta xa co seu Plan Estratéxico 2011-2013.

Este Plan é o froito dun traballo de moitos meses pero, vendo o resultado, teño que dicir que pagou a pena o esforzo. Pagou a pena porque o que temos como resultado é un documento amplo, denso e ben estruturado que parte dun diagnóstico en profundidade do noso sector e do seu contorno. A partir de aí, traza unha serie de obxectivos ben definidos e deseña as accións que debemos poñer en marcha para alcanzalos.

E todo xira sobre tres eixos moi claros: consolidar o Cluster como a organización integradora do macro-sector, incrementar a competitividade e promover o crecemento da cifra de negocio dos membros da nosa entidade.

A innovación, a saída a mercados exteriores, o financiamento, a formación, a cooperación entre as empresas, a coordinación co sistema educativo e en particular coas universidades son prioridades dos nosos asociados para as que o Plan Estratéxico aporta respostas concretas. Igualmente, a posta en marcha do Plan reforzará a capacidade do Cluster para ser un suxeito activo e influínte no deseño das políticas públicas, e para impulsar a transformación do noso sector cara un modelo de cooperación competitiva, tal e como se expresa na Misión e Visión do Cluster, que tamén forman parte do Plan.

Temos, polo tanto, o camiño perfectamente balizado. Agora hai que internarse nel con enerxía e intelixencia, e chegar ata o final. Pero non podemos perder de vista que, así como a elaboración do Plan Estratéxico é o resultado brillante dun traballo en equipo, poñelo en marcha e acadar os obxectivos que establece esixirá un novo esforzo que todos debemos compartir.

Polo tanto, agora máis que nunca é o momento de deixar a un lado os personalismos. Necesitamos a contribución xenerosa de todos os que formamos parte deste sector, para facelo máis forte en beneficio das nosas empresas. Porque as empresas, e non as apetencias persoais de cada un, deben ser as protagonistas.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies