NACE GANGA!, A APLICACIÓN QUE INFORMA DE OFERTAS E DESCONTOS NA ÁREA DE COMPOSTELA

NACE GANGA!, A APLICACIÓN QUE INFORMA DE OFERTAS E DESCONTOS NA ÁREA DE COMPOSTELA


A poboación dos concellos de Santiago e da súa área de influencia xa pode beneficiarse das vantaxes da nova aplicación Ganga!. O obxectivo é facilitarlle ao pequeno comercio unha canle de comunicación permanente co seu cliente, quen recibirá no seu dispositivo móbil información puntual e actualizada das promocións e descontos que haxa cada día nas tendas da súa contorna.

Preto de douscentos establecementos e profesionais de diversos sectores situados nos concellos de Santiago, Negreira e Ames xa se adheriron a esta plataforma piloto, que aspira a implantarse progresivamente en todos os concellos galegos e a converterse en referencia para os buscadores de gangas. A aplicación, dispoñible para dispositivos Android, pode descargarse de balde en Google Play.

A través de Ganga!, os clientes do comercio local poden consultar os datos básicos do establecemento, os seus produtos destacados e as ofertas do día. Deste xeito, os usuarios poden estar permanentemente informados a prol dunha mellor organización e maior aforro nas súas compras. Os usuarios poderán acceder con facilidade aos seus comercios favoritos e mesmo recibir avisos activos das promocións se así o desexan. Ademais, terán a posibilidade de localizar de xeito áxil os establecementos máis próximos segundo o tipo de ben ou servizo que precisen e un mapa coa mellor ruta para chegar a eles.

VANTAXES PARA O COMERCIO LOCAL

Os comerciantes que desexen adherirse a esta nova plataforma de promoción e comunicación directa cos clientes poden descargarse, a través de Google Play, a versión da aplicación para o comercio: Ganga Pro. Dende ese momento, o empresario só precisa facilitar o CIF, a localización do establecemento e o seu enderezo electrónico. Durante esta primeira fase de lanzamento, a adhesión á ferramenta é gratuíta.
 
Con Ganga pro! o comerciante disporá dun escaparate virtual no que situar ata tres produtos que desexe destacar. O escaparate pode actualizarse dende o smartphone cantas veces sexa necesario de xeito áxil e sinxelo, xa que facilitar o dinamismo das ofertas é un dos obxectivos da nova aplicación. Ademais, a aplicación inclúe o apartado “Almacén”, onde se gardan outros produtos ou servizos pendentes de ser publicados no “Escaparate”. E para facilitar o traballo e optimizar o tempo do comerciante, á vez que se introducen os bens ou servizos na aplicación, tamén se poden compartir a través das redes sociais das que dispoña o establecemento (facebook, twitter,...), contribuíndo así á súa difusión inmediata na rede.

As persoas e comerciantes interesados en coñecer máis sobre a nova aplicación, poden obter información a través da web de eLABORO, empresa compostelá que deseñou a ferramenta. 

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies