None
Orientar un plan de Marketing e de Comunicación para o Cluster TIC Galicia, de carácter tanto interno como externo; planifica e dotar á organización das ferramentas que precisa neste eido, e “vixiar que as planificacións consensuadas se executen e se cumpran” son os obxectivos do grupo de traballo de Marketing, tal e como os enumera o seu presidente, Miguel Bugarín (Visual Publinet).
Este grupo é o resultado da fusión dos equipos de Marketing e eventos’, por unha banda, e ‘Coñecemento, marketing e dinamización intra-empresas’, por outra, segundo acordo do COES do pasado 20 de decembro.
Marketing traballa actualmente na redacción dos pregos de condicións para un proxecto que se considera urxente e que conta co respaldo expreso do Comité Estratéxico: a elaboración da nova web corporativa do Cluster. Esta nova web ha de servir como auténtica plataforma de traballo, e contará con modernas ferramentas de comunicación tanto interna como externa.
A convocatoria dun segundo concurso está tamén na “cociña” do grupo de Marketing. Trátase neste caso do desenvolvemento dun manual de aplicacións da imaxe corporativa do Cluster. É esta unha ferramenta que, a pesar da súa sinxeleza, ten unha gran importancia á hora de dar coherencia, credibilidade e eficacia á comunicación do Cluster.
Por outra banda, Marketing traballa nun proxecto orientado a facer “networking” entre os membros do Cluster. Con ese obxectivo estase deseñando unha xornada de negocios que se celebrará o día anterior á asemblea xeral. Segundo indica Bugarín, a intención é “potenciar a comunicación e o coñecemento entre os socios e desenvolver sinerxias”.
No seu repaso ás tarefas en marcha, o presidente do grupo destaca tamén que “se está traballando na creación dun Plan de Comunicación interno e externo”. Non obstante, Bugarín advirte que, neste terreo, se ten detectado a necesidade de resolver previamente “cal debe ser o papel dentro do Cluster das asociacións e dos colexios profesionais” e buscar o xeito de establecer con eles un consenso en política de comunicación. “Dalgún xeito, debemos unificar criterios”, indica.
Como resumo das súas impresións persoais respecto á dinámica de funcionamento do grupo de Marketing, Miguel Bugarín indica: “Creo que é un grupo moi activo, inquieto e traballador. Como anécdota, xuntámonos todos os terceiros mércores do mes nun reservado dun restaurante, en reunións que normalmente empezan as dúas e terminan ás catro e media da tarde, para non cortarlle a ninguén as súas obrigas laborais. O resto das semana, continuamos o traballo, mantendo o contacto por Internet”.
None
Comments