Ante a celebración o día 17 de maio do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o Cluster TIC Galicia, emitiu un comunicado no que salientou o papel das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións na construción dunha sociedade próspera, na que o desenvolvemento económico sostible, a igualdade de oportunidades, o pluralismo e o respaldo ao espírito emprendedor sexan realidades efectivas.
Nesta data, instituída para contribuír á sensibilización sobre o moito que Internet e as TIC poden aportar aos cidadáns, ás sociedades e ás economías, o Cluster TIC quere invitar a toda a sociedade civil galega a sumarse ao seu proxecto, que non é outro que o de converter a nosa comunidade autónoma nun líder europeo na implantación e uso destas tecnoloxías. Neste labor han de estar implicadas non só as empresas e organizacións do sector TIC, senón tamén o conxunto dos sectores económicos, o sistema educativo, as universidades, as administracións públicas e a sociedade civil no seu conxunto.
Este ano, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información celébrase baixo o lema Unha vida mellor nas comunidades rurais coas TIC, querendo deste xeito poñerse de relevo que estas tecnoloxías son imprescindibles para o desenvolvemento económico e para poñer as oportunidades de desenvolvemento ao alcance das persoas, especialmente nas áreas rurais dos países en vías de desenvolvemento.
Unha sociedade á marxe ou con déficits de acceso ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións é unha sociedade en desvantaxe. Condenada competir en condicións de inferioridade e, polo tanto, menos capaz de ofrecer aos seus cidadáns oportunidades de prosperidade e benestar. Malia formar parte das economías máis avanzadas, Galicia aínda sofre importantes limitacións neste eido. Limitacións que se concretan en índices de acceso a redes de banda ampla e de utilización de ferramentas TIC inferiores á media da Unión Europea e do conxunto de España.
Virar esta situación, reducindo a chamada fenda dixital e avanzando cara unha economía baseada na innovación e o coñecemento, é un compromiso no que o Cluster TIC traballa desde o mesmo momento do seu nacemento. Pero este proxecto so será realizable se o conxunto da sociedade galega se suma a el.
O Cluster TIC convida a todos os galegos a celebrar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, xa que estas tecnoloxías, lonxe de ser un asunto exclusivo das empresas e dos profesionais do sector, constitúen unha realidade presente en todos os eidos da vida persoal e profesional. Ferramentas facilitadoras da vida moderna polas que Galicia ten que apostar para construír un futuro de benestar e prosperidade.
Ler a nota de prensa
Comentarios