Representantes de empresas de sete países latinoamericanos visitarán Galicia entre os días 27 e 30 de novembro, na primeira Misión Comercial Inversa organizada polo Clúster TIC. O obxectivo da iniciativa, que se enmarca na política de fomento da internacionalización dos clústers galegos promovida polo IGAPE, é reforzar relacións comerciais entre firmas galegas do sector TIC e clientes en Latinoamérica, así como abrir mercados para a industria galega naquel continente.
As empresas convidadas proceden de Brasil, México, Chile, Colombia, Perú, Panamá e Honduras, e pertencen aos sectores da telefonía, a televisión, os servizos de internet, a xestión hospitalaria, o hardware, o software e a consultoría. Ao longo de catro xornadas, os representantes destas firmas coñecerán o catálogo de competencias das empresas do Clúster e as principais liñas de investigación das entidades de referencia en I+D. Están programados tamén actos institucionais e visitas para coñecer proxectos TIC emblemáticos que se están a desenvolver en Galicia, como Coruña Smart City e outros nos ámbitos da sanidade dixital e a innovación multimedia.
A posta en marcha desta Misión Inversa alíñase coa política de clústers que se impulsa dende a Unión Europea e responde a unha das prioriadades do sector TIC galego, como é a necesidade de sumar forzas entre empresas e entidades para desenvolver plataformas de acceso aos mercados onde hai importantes oportunidades de crecemento, como son neste caso os mercados latinoamericanos. Neste sentido, o encontro internacional que se celebrará esta semana por iniciativa do Clúster TIC contribuirá a establecer e consolidar lazos comerciais que redundarán nun reforzo do tecido empresarial TIC galego e xerará riqueza para a economía da Comunidade Autónoma.
A iniciativa conta co cofinanciamento do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da liña de axudas aos orgnismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas.
Comentarios