Eganet procura sinerxias de traballo no eido tecnolóxico cos países nórdicos

Eganet procura sinerxias de traballo no eido tecnolóxico cos países nórdicos


A primeira ‘misión tecnolóxica’ organizada por Eganet rematou o domingo 30 de outubro cunha valoración positiva da organización, tras cinco días coñecendo de primeira man a tecnoloxía punteira e de referencia en Europa desenvolvida en Suecia, Noruega e Finlandia. A delegación galega integrárona seis empresas socias: AVA Soluciones Tecnológicas, Igalia, Imatia Innovation, Galinus Comunicación en Internet, Deza Business e Isenda Telemática.

Este ambicioso proxecto, que contou co financiamento do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) dentro do marco do seu programa "Misións tecnolóxicas directas e inversas" e desenvolveuse entre os días 24 e 30 de outubro, consistiu na visita a diferentes parques tecnolóxicos nórdicos.

Un primeiro achegamento para colaborar e ampliar o negocio
O resultado máis destacado desta misión foi a creación dunha ampla rede de contactos con empresas nórdicas coas que colaborar no futuro. Polo de agora e a nivel individual, as firmas galegas participantes seguen a estreitar lazos cos diferentes centros visitados para estudar as posibles sinerxias de traballo e abrir as oportunidades de negocio. Segundo Eganet, algunhas das áreas de maior interese para Galicia nas que estableceron relacións foron o sector naval, o desenvolvemento do software libre e a de xestión integral de produtos do sector primario.
Deste xeito, avánzase na consecunción do obxectivo último desta misión: buscar colaboracións mutuas para o desenvovemento tecnolóxico e de innovación de productos e servizos que atendan aos respectivos mercados e aos de terceiras rexións.


Centros tecnolóxicos e de investigación visitados

Unha das visitas máis destacadas foi a realizada ao centro de investigación de Oulu, un dos maiores do mundo, cuxa principal empresa é Nokia. Alí a delegación coñeceu o Center of Internet Excellence, onde puido ter acceso aos últimos desenvolvementos tecnolóxicos de Nokia. Ademais, estiveron en Technopolis, un parque con varias delegacións en Filandia, Estonia e Rusia que aglutina a máis de 1200 empresas e organismos de investigación e desenvolvemento.

Otros dos lugares destacables da visita foron o Digital Art Center, un centro sueco vangardista cun laboratorio experimental de desenvolvemento multimedia, e o Swedish Ict Research AB, que engloba a varios institutos de investigación en materia Tic. En Noruega desplazouse ao IKT-Norge e ao Centro de Innovación de Oslo, cuxa misión princial é dar saída comercial aos resultados viables de investigacións.


O próximo destino é Brasil
Dado o resultado exitoso desta primeira misión tecnolóxica, Eganet, no marco do mesmo programa do Igape, está a traballar nunha segunda experiencia de intercambio con Brasil, un país punteiro no sector, con amplas posibilidades de negocio para as empresas galegas debido ás taxas de crecemento económico experimentadas polo país e as similitudes lingüísticas con Galicia. Esta terá lugar entre os próximos 21 e 27 deste mes, e nela participarán outras dez empresas representantes do sector TIC galego.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies