A terceira edición de Vindeira Capital Network (VCN 2012) enfía a súa recta final. O encontro entre emprendedores e fontes de financiamento terá lugar os días 10 e 11 de maio, en Santiago de Compostela.
Serán doce os proxectos participantes, na procura dos fondos que lles poden proporcionar as entidades de capital risco e os business angels que acudirán ao encontro. Aos once proxectos TIC seleccionados, súmase Galchimia en calidade de invitado e que aportará á cita unha pincelada do sector biotech. O obxectivo é captar ata 40 millóns de euros para poñer en marcha novas empresas de base tecnolóxica, convertendo así en realidade empresarial as ideas dos emprendedores.
Os emprendedores cuxos proxectos foron seleccionados para participar en VCN 2012 completaron xa unha fase de formación na Vindeira Venture Academy: sete xornadas nas que recibiron asesoramento dun panel de expertos para poder facer a mellor presentación das súas ideas ante quen lles poden proporcionar o financiamento que necesitan.
Por parte dos inversores, teñen xa confirmada a súa participación Active Venture Partners, Bullnet, CDTI, Caixa Capital Risc, Emmergia, Emprende Capital, Enisa, Faraday Venture Partners, FDI, Highgrowth, Intelectium, Inveready e Opus.
Na súa terceira edición Vindeira Capital Network está organizada por Vindeira Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, a Universidade de Santiago de Compostela e BIC Galicia, e promovida polo Cluster TIC Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) coa colaboración de Uninvest/Unirisco.
Comments