Desconto do 40% para as empresas que participen a través do Cluster no programa Maio de Galicia en Israel

Desconto do 40% para as empresas que participen a través do Cluster no programa Maio de Galicia en Israel


As empresas que participen a través do Cluster TIC no programa Maio de Galicia en Israel terán un desconto do 40% sobre a tarifa oficial de 1.890 euros máis IVA. Calquera empresa, sexa ou non socia poderá participar no programa a través do Cluster, beneficiándose dese xeito do desconto. Non obstante, os socios terán acceso preferente, dado que as prazas son limitadas.

As empresas interesadas en beneficiarse desta oferta deben poñerse en contacto coa administración do Cluster.

Maio de Galicia en Israel é un programa de internacionalización integral e multisectorial organizado polo Instituto de Promoción Económica de Galicia (Igape) en colaboración coa Cámara de Comercio e Industria España Israel en Galicia, a MATIMOP (axencia do Goberno de Israel que xera e implementa programas de I+D industriais cooperativos internacionais) e o Israel Export & International Cooperation Institute (IEICI). Desenvolverá durante o vindeiro mes neste país de Oriente Medio.

O programa representa unha oportunidade estratéxica para a xeración, desenvolvemento e fortalecemento de relacións de cooperación e negocios entre Galicia e Israel. Trátase da terceira fase dun proxecto iniciado polo Igape hai dous anos, e continuación do traballo desenvolvido na Xornada de Cooperacion e Transferencia de Coñecemento celebrada en abril de 2010 en Santiago de Compostela, seguida pola misión internacional Transferencia de Coñecemento. Obxectivo: Israel, a xeografía do éxito, executada en maio de 2011.

Catro grandes eventos en sectores estratéxicos

Maio de Galicia en Israel inclúe catro grandes eventos relacionados con sectores estratéxicos e altamente competitivos, nos que poderán participar as empresas. Do 8 ao 10 de maio celebrarase a mostra profesional de construción e inraestruturas Building 2012. Dos días 15 ao 17 terá lugar Agritech 2012, unha das feiras da tecnoloxía agrícola máis importantes do mundo. Entre o 21 e o 23 desenvolverase ILSI BioMed 2012, dedicada ás tecnoloxías vencelladas ás ciencias da vida. Finalmente, 22 e 23 de maio terá lugar o evento máis directamente conectado cos negocios TIC: a New-Tech Exhibition 2012. Trátase dunha mostra internacional do sector Hi-Tec e electrónica, e constitúe unha plataforma para a colaboración entre a industria israelí de alta tecnoloxía e empresas internacionais, para desenvolvemento, produción e innovación.

A participación das empresas nestes eventos inclúe visita á feira, participación nas conferencias e reunións de networking.

Haberá ademais un conxunto de accións complementarias, como una actividade de transferencia de coñecemento/tecnoloxía e unha rolda de contactos e reunións con empresas interesadas en investir en Galicia na que participará Igape Invest.

O país que máis inviste en innovación

Israel dispón dunha estrutura legal, financeira, económica, industrial, de comunicacións ao nivel de calquera país desenvolvido, coa máis grande concentración de hi-tech starts up no mundo fóra de Silicon Valley. O país conta ademais cun capital humano extraordinariamente preparado, especialmente no relativo ao número de enxeñeiros e científicos, que é o máis alto do mundo.

Malia o pequeno tamaño do seu territorio e a súa reducida poboación, de pouco máis de sete millóns de habitantes, a aposta pola I+D+i converteuse é o motor económico do país. A proporción de gasto que se destina á innovación en Israel é a máis alta do mundo, o 4,7% do PIB.

Sectores como tecnoloxía agrícola, tecnoloxías da auga e renovables, equipamento médico, biotecnoloxía, electrónica ou Internet impulsan unha economía moderna, emprendedora e globalizada. É ademáis unha economía moi aberta á cooperación internacional en materia de actividades I+D+i, con acordos bilaterais neste terreno con Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Austria, Bélxica, Francia, Países Baixos, España, Portugal, India, Corea e Singapore, e un acordo con EUREKA, o programa europeo de I+D industrial.

Israel é membro, como país asociado, do "VI Programa Marco" de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, no que as empresas, universidades e institutos de investigación israelís participan como membros de pleno dereito.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies