None
David Trigo López ven de se incorporar ao Cluster TIC Galicia como xerente da entidade, logo de ser aprobado o seu nomeamento polo Comité Estratéxico celebrado o pasado 29 de setembro.
Natural de Lugo, o novo xerente do Cluster TIC Galicia é enxeñeiro industrial pola Universidade Antonio de Nebrija e completou os seus estudos superiores co postgrao de desenvolvemento de habilidades directivas ‘Program for Management Development’ de ESADE.
Trigo conta cun profundo coñecemento do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións, froito da súa experiencia de traballo como consultor TIC. Antes da súa incorporación ao Cluster TIC Galicia, viña desempeñando o seu labor profesional na firma Accenture.
Respecto aos seus obxectivos no seu novo cargo, David Trigo indicou: “A curto prazo, as miñas prioridades son afinar o funcionamento do aparato administrativo do Cluster, seguir mellorando os resortes de comunicación e cooperación entre os membros da entidade, e impulsar a coordinación entre os grupos de traballo. Tamén darei o máximo apoio ao equipo que está a elaborar o Plan Estratéxico 2011-2013, que será un documento fundamental para a entidade. A medio e longo prazo, temos retos importantes, como acadar a autonomía financeira e converter o Cluster TIC Galicia nunha auténtica plataforma de servizos para as empresas e entidades do sector na nosa comunidade autónoma”.
Comments