Xa está aberta a inscrición para asistir ás primeiras Xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reunirá en Santiago de Compostela durante os días 2, 3 e 4 de novembro a destacados expertos para afondar na normativa sobre a protección de datos no desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías. Na organización do encontro colaboran a Xunta de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Centro de Estudos Cooperativos da mesma universidade.
Segundo a organización das xornadas, "é preciso crear e transmitirlle confianza aos usuarios das novas tecnoloxías para que cedan os seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores. O éxito do verdadeiro despegue do comercio electrónico e das relacións informáticas coa Administración dependerá da seguridade ofrecida para que a cidadanía os empreguen".
Representantes da Agencia Española de Protección da Datos, investigadores universitarios e outros especialistas en protección de datos dialogarán durante tres días na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais segundo o programa xunto.
A inscrición nas xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica é de balde, aínda que con límite de prazas. As persoas inscritas recibirán un certificado de asistencia e os/as estudantes, ademais, un crédito de libre configuración. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de outubro.
Aquí toda a información.
Comments