As TIC, ferramentas para a Igualdade

As TIC, ferramentas para a Igualdade


"As TIC dan poder, porque axudan a lograr obxectivos, e as mulleres non deben quedar atrás no seu uso". Con estas palabras defendeu Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC Galicia, a posta en marcha de iniciativas que contribúan a compensar o menor acceso das mulleres a Internet e ás tecnoloxías da información e das comunicacións, e que impulsen a súa incorporación como profesonais a este sector.
Valcarce transmitiu estas ideas na súa intervención na xornada 'Construíndo un sector TIC en igualdade", que se desenvolveu o mércores 18 de maio no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.
O presidente do Cluster TIC asegurou que as mulleres representan únicamente o 36,4% da masa salarial no sector TIC en España, e asegurou que, para camiñar cara á igualdade, cómpre impulsar o seu acceso ás carreiras técnicas, como Enxeñería de Telecomunicacións ou Informática, titulacións na que a presenza feminina é aínda minoritaria.
Valcarce defendeu o papel das TIC como ferramenta de avance económico e de cambio social. Neste sentido, indicou que poden ser unha importante palanca para favorecer a igualdade. "As mulleres están hoxe máis preparadas que nunca e deben empoderarse das TIC, empregándoas en toda a súa potencialidade", asegurou.
Na xornada, organizada pola Xunta de Galicia, interveu tamén José María López Bourio, presidente de AGESTIC, asociación membro do Cluster TIC Galicia, quen participou nunha mesa redonda sobre a percepción de desigualdades no sector.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, aproveitou a inauguración da xornada pra facer un chamamento a “superar a fenda de xénero nos estudos, a investigación e os empregos TIC, non só por razóns de equidade senón de desenvolvemento económico e social. A incorporación da muller á investigación, a docencia ou a xestión supón un progreso social”.
Mar Pereira sinalou que a xornada representa “unha ocasión excelente para examinar o conxunto de factores que inflúen na participación das mulleres nos estudos e as carreiras profesionais TIC, para considerar os modelos existentes de representación feminina, comparar as medidas adoptadas para facer fronte a estes problemas e determinar que nos queda por facer no camiño da igualdade.”

None

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies