A semana pasada despedimos o que foi o primeiro evento internacional celebrado en Galicial sobre contidos dixitais, o DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017. O encontro, organizado pola Amtega, Clúster TIC de Galicia e o CLAG, reuniu na Cidade da Cultura de Santiago a profesionais e representantes de empresas de referencia para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos. Durante dúas xornadas, ofrecéronse aos participantes intervencións de 30 entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que amosaron a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital, o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
A apertura do evento correu a cargo do director do Igape, Juan Cividanes e a directora da Amtega, Mar Pereira. Cividanes manifestou que sen dixitalización será practicamente imposible asegurar o futuro das empresas e engadiu que un dos retos está en rachar a barreira entre online e offline, apostando por unha conectividade permanente entre as empresas e os clientes para os que fabrican produtos ou deseñan servizos.
O director do Igape considerou que a celebración de eventos como DICO Summit é fundamental para que as empresas galegas estean preparadas para aproveitar as novas oportunidades ligadas directamente á dixitalización; ao tempo que engadiu que ese é tamén o obxectivo dos servizos avanzados que achega a Xunta ás empresas galegas a través de programas como ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega.
O programa do evento abarcou un gran número de actividades, buscando ofrecer un panorama xeral das distintas visión que se poden ter do sector dos contidos, dende un punto de vista máis audiovisual ou de produción, pasando polos videoxogos ou a aplicación dos contidos a outros sectores económicos. Segundo indicou o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, buscouse un equilibrio para que calquera empresa ou axente relacionado con contidos dixitais puidese atopar un oco no que teña especial interese, podendo ampliar a súa visión.
Unha das intervencións destacadas do evento foi a de David Calle, director executivo de Unicoos, a academia en liña de meirande éxito de España (e o terceiro portal educativo científico-tecnolóxico do mundo). Calle pechou a súa intervención dicindo que con toda a información e a tecnoloxía que temos ao noso alcance, non lle cabe dúbida de que a mocidade de hoxe en día está en disposición de optimizar o legado deixado polas xeracións anteriores, "Só fai falta motivalos". Segundo David as razóns do seu éxito son, “en primeiro lugar porque procuro transmitirlles paixón, enerxía e esperanza, procuro en todo intre que as rapazas e os rapaces non se rendan e tento facer sempre o meu traballo de xeito diferente ao tradicional”.
A principal conclusión do presidente do Clúster TIC é que “temos un sector TIC potente, con empresas e centros tecnolóxicos cunha alta capacidade para crear produtos e servizos. Pola súa banda, o sector dos contidos está a desfrutar dun crecemento global extraordinario, marcado por innovacións tecnolóxicas que habilitan e favorecen novos modelos de negocio. Hoxe en día pódese producir para moitos tipos diferentes de plataformas audiovisuais, pero tamén para a industria do turismo, da educación ou da fabricación. O que temos que acadar é unha maior cooperación do lado tecnolóxico co lado creativo, un pouco como se fosen os dous hemisferios dun cerebro creador de contidos audiovisuais avanzados”.
DICOawards
O evento puxo o seu peche, tras 2 días de relatorios, networking e presentacións, coa entrega dos premios ás ideas máis innovadoras relacionadas cos contidos dixitais
O nivel das ideas era moi alto e escoller a uns gañadores foi unha tarefa complicada. Na categoría “mozo”, que englobaba aos participantes de 14 a 18 anos levaron o primeiro premio Lois Neira, Christian Capeáns e Brais Cuns do IES de Brión; foi grazas á súa idea “Read for Speed”, un proxecto que explicaba o desenvolvemento dunha aplicación que axudaba á aprendizaxe e a comprensión lectora. Na mesma categoría, levaron unha mención Diego Barreiro e Óscar Oliveira do IES Rosalía de Castro pola súa idea “SOSgram salvavidas chateando”, coa que idearon unha aplicación que permitía comunicarse en tempo real cos efectivos de emerxencias en caso de accidente ou urxencia.
Na categoría de “mozo adulto” onde se premiaban as ideas de participantes de 18 a 30 anos, o primeiro premio foi para Eva Sarmiento e o seu proxecto “A ficción colaborativa”, que buscaba facilitar aos consumidores a participación na elaboración de produtos de ficción. Así mesmo, a mención foi para Alexis Rafael e Ariana Peiteado por “Os videoxogos camiño á inclusión”, onde a realidade virtual e os videoxogos xogaban un papel importante na educación de alumnos con discapacidade intelectual.
Descargar: Dossier de prensa do evento
Comentarios