Antonio Rodríguez del Corral, elixido presidente do Cluster TIC Galicia

Antonio Rodríguez del Corral, elixido presidente do Cluster TIC Galicia


A Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada onte, martes 2 de outubro, en Satiago de Compostela elixiu por unanimidade a Antonio Rodrígez del Corral como presidente do Cluster TIC Galicia.

A candidatura de Rodríguez del Corral, que é representante de R no Cluster, recibiu a totalidade dos 35 votos emitidos na Asemblea, sendo deste modo proclamado presidente.

Tras a elección, Rodríguez del Corral dirixiuse aos socios sinalando que a prioridade do Cluster será "centrarse na cadea de valor e non na representación". Neste sentido, indicou que a organización dedicará os seus maiores esforzos a xerar negocio para os asociados, apoiar as empresas na súa internacionalización e "dar pistas" á Administración para captar recursos e proxectos para o sector. Sinalou tamén que o Clúster se comunicará máis cos seus socios.

"Temos estrutura e as empresas confían no Cluster", indicou o novo presidente no seu discurso ante a Asemblea, insistindo en que o obxectivo é "ser útil aos socios e achegarlles negocio". Segundo explicou, entre os retos que se marca á fronte do Cluster está lograr que as empresas de maior tamaño exerzan unha función de tractoras, xerando proxectos e impulsando a comercialización de produtos tecnolóxicos galegos nos mercados internacionais. En canto ás firmas pequenas, o obxectivo fundamental é axudalos a desenvolver capital intelectual.

Rodríguez del Corral sinalou tamén entre as súas prioridades mellorar o aproveitamento polas empresas dos recursos dispoñibles en capital risco, así como atraer ao sector outros recursos financeiros. Finalmente, asegurou que confía en que o Clúster poida acelerar o ritmo de traballo e anunciou próximas incorporacións de novos socios.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies