O alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira Gallardo, e o director de Organización de eLABORO, SL, Carlos Martínez, presentaron hoxe a aplicación City4santacomba. A capital do Xallas únese así aos concellos galegos que apostan por facilitarlles aos seus veciños a comunicación coa Administración local, permitíndolles o acceso desde os seus dispositivos móbiles ao directorio municipal, ás novas publicadas polo concello e a información xenérica do municipio, así como a notificación inmediata e directa de calquera incidencia detectada no municipio. Trátase dunha nova canle de comunicación bidireccional, xa que o concello tamén poderá emitir avisos urxentes, xerando así un “bando municipal tecnolóxico”.
Desenvolvida pola empresa compostelá eLABORO S.L, City4santacomba facilítalles aos responsables locais recibir información directa e inmediata da poboación sobre incidencias e facer un seguimento constante da súa xestión para garantir a máxima axilidade na solución das necesidades detectadas. Coa aplicación, que xa pode descargarse gratuitamente de Google Play, os veciños poderán notificar a través dos seus dispositivos móbiles calquera incidencia que lles afecte aos servizos e espazos municipais, como auga, rede de sumidoiros, mobiliario urbán ou espazos verdes, entre outros. A información, recibida de xeito centralizado, seralle derivada ao responsable correspondente, que poderá ter un coñecemento constante da xestión da incidencia ata a súa completa solución. Pola súa banda, os veciños tamén poderán facer seguimento das súas notificacións, xa que recibirán unha mensaxe tanto ao seren recibidas como ao seren resoltas.
EFICACIA E TRANSPARENCIA
Deste xeito, o concello de Santa Comba dispón dunha vía de comunicación permanente cos seus veciños que potenciará a eficacia e a transparencia na súa xestión. As notificacións recibidas permitirán ter coñecemento puntual de incidencias e realizar balances periódicos sobre como e en que prazos foron resoltas.
Ademais, a través da aplicación City4santacomba, a poboación poderá recibir nos seus dispositivos avisos urxentes do concello nos que a inmediatez é crucial, como casos de persoas perdidas, temporais, desprendementos en estradas, cortes de auga ou outros. O sistema de avisos á poboación é unha mellora da aplicación que se está a poñer en marcha este ano, potenciando así as posibilidades de interactuar de xeito inmediato cos veciños.
Outras opcións que terán os usuarios de City4santacomba son a recepción de noticias, o acceso ao directorio municipal e a información xenérica do municipio (climatoloxía, territorio, feiras e mercados, lecer,…). Esta última prestación creouse especificamente para a aplicación contratada por Santa Comba, xa que unha das características desta ferramenta é a súa adaptabilidade ás necesidades de comunicación de cada concello, de xeito que se deseña como “un traxe a medida”.
Comments