A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto co Clúster TIC de Galicia e o Clúster do Audiovisual Galego (CLAG) formalizaron esta mañá a posta en marcha de Viraxe TIC, un programa que busca acelerar o desenvolvemento e a competitividade do sector de contidos dixitais na Comunidade e que implica ao conxunto do hipersector TIC galego, un sector estratéxico para o crecemento económico-social da Comunidade, que representa o 2,3% do PIB galego e emprega a máis de 19.500 persoas.
O convenio asinado hoxe entre a directora da Amtega, Mar Pereira, e os presidentes dos Clústers tecnolóxico e audiovisual, Antonio Rodríguez, e Andrés Barbé, supón o punto de partida da primeira fase de Viraxe TIC, a de identificación e definición de proxectos conxuntos entre empresas de ambos sectores no ámbito dos contidos dixitais. Esta primeira etapa do programa conta cun orzamento de 300.000 euros, dos cales 270.000 euros serán achegados pola Amtega e o importe restante por ambos Clústers.
Primeira fase: análise de oportunidades, foros e servizo de apoio
A primeira fase de Viraxe TIC abrangue tres liñas de actuación: a análise das oportunidades de negocio para o sector dos contidos dixitais; a celebración de foros de intercambio e networking entre o sector TIC e o audiovisual e a prestación de servizos de asesoramento.
A elaboración dun estudo para identificar os principais ámbitos de actuación ofrecerá unha detallada análise do panorama actual do sector dos contidos dixitais ante as novas e as perspectivas do sector ante as novas tendencias e os casos de referencia.
O acordo contempla tamén a celebración de espazos abertos e foros para a colaboración, o intercambio de coñecemento e o networking entre axentes do sector TIC e do sector de contidos dixitais. En outubro celébrase un evento de posicionamento rexional de encontro entre todos os axentes do ecosistema da innovación tecnolóxica en torno ao sector de contidos dixitais, que permita promover e reforzar alianzas entre os axentes locais e expertos de recoñecido prestixio no sector a nivel internacional.
A terceira liña de actuación é a posta en marcha dun servizo de apoio e asesoramento para facilitar o desenvolvemento de grandes proxectos innovadores conxuntos entre axentes do sector TIC e do sector de contidos dixitais. O obxectivo é facilitarlles ás empresas de ambos sectores que desexen abordar iniciativas conxuntas soporte para a análise da viabilidade técnica, operativa, económica e comercial do proxecto e para a identificación de referentes e casos de éxito.
Segunda Fase: liña de axudas de 3,7 millóns de euros
Nunha segunda fase, o Programa Viraxe TIC incentivará o desenvolvemento deses novos ou mellorados produtos, procesos e servizos identificados na primeira parte do programa para impulsar a modernización e innovación tecnolóxica no ámbito dos contidos dixitais de Galicia.
Con este obxectivo está previsto o lanzamento dunha liña de axudas dotada con máis de 3,7 millóns de euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores conxuntos entre axentes do sector TIC e de contidos dixitais no período 2017 - 2019.
Axenda Dixital de Galicia 2020
As actividades derivadas deste convenio enmárcanse nos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020, impulsada pola Amtega, para promover o liderado de empresas a través da incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio para impulsar a súa innovación tecnolóxica, competitividade e xeración de emprego.
É por isto, que a Amtega xunto co Clúster TIC e o CLAG conviñeron en coordinar esforzos para impulsar actuacións no marco do Programa Viraxe TIC co fin de maximizar o aproveitamento da aplicación das TIC no ámbito dos contidos dixitais de Galicia, como baluarte do crecemento económico e social vinculado á economía dixital.
En medios:
Código Cero | O programa Viraxe TIC impulsará a creación de contidos dixitais en Galicia
El Correo Gallego | Axudas de 3,7 millóns para impulsar os contidos dixitais
Cultura Galega | Ponse en marcha un programa para impulsar o sector de contidos dixitais
Galicia Confidencial | Consello.- Xunta e os clúster TIC e audiovisual activarán un programa para impulsar a creación de contidos dixitais
Comments