O Grupo ALDABA dá un novo impulso á súa estrutura organizativa

Silvia Camesella,

O Grupo ALDABA dá un novo impulso á súa estrutura organizativa


O Grupo ALDABA, un dos referentes do sector TIC galego, cun volume de negocio superior aos 11 millóns de euros e un persoal de 180 persoas, anunciou cambios nas súas estruturas directivas e organizativas, “dentro dun proceso perfectamente orquestrado para afrontar o crecemento experimentado nestes anos e o que se espera para os próximos, e garantir unha substitución xeracional, pero mantendo a esencia de seriedade e calidade de servizo que sempre nos caracterizou”. Así o comunicou Enrique Fernández, un dos seus socios fundadores, o venres 20 de xaneiro na “Xuntanza” anual do persoal, celebrada no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, coincidindo co 20 aniversario da súa creación.

Os que ata o de agora eran socios-directores das empresas do Grupo – Manuel Simal, José Antonio Castelao e Enrique Fernández – pasan a liderar, desde o Consello de Administración, o proceso de expansión e establecer as liñas estratéxicas a seguir nas diferentes sociedades do Grupo. Así mesmo, Patricia Balado Liñares, Directora Xeral dunha das sociedades do holding, será a Directora de Control de Xestión a nivel de Grupo, e Ariana Carro Patiño será a Directora de Talento, Cultura e Impacto Positivo.

Para a dirección executiva de cada compañía, nomeáronse tamén a profesionais que xa desempeñaban postos de responsabilidade na empresa e acumulan experiencia e coñecemento, tanto no modelo de negocio como da cultura corporativa.

Así, en ALDABA Servizos Profesionais S.L. (comercialmente coñecida como ALDABA), Manuel Linares Franco é o seu novo Director Xeral. Nacido en 1975, é Enxeñeiro Informático pola Universidade da Coruña. Acumula máis de 20 anos de experiencia no sector TIC, os últimos 17 no persoal de ALDABA, onde conformou e dirixiu a área de Enxeñería Software, alcanzando unha achega do 70% dos ingresos da compañía. Acompañaranlle, no Comité de Dirección, Javier Iglesias Fiaño como Director de Control de Operacións, e Pablo Viqueira Gómez como Director de Sistemas de Información.

Do mesmo xeito, en ULEX Solucións, S.L. (comercialmente coñecida como SEOGA), Pablo Rodríguez García foi nomeado Director Xeral. Nacido en 1981, é Enxeñeiro Informático pola Universidade da Coruña. Acumula máis de 17 anos de experiencia no sector TIC, primeiro como enxeñeiro de software e xefe de proxecto en ALDABA, e desde 2016 como Director Técnico en SEOGA. Acompañaranlle, no Comité de Dirección, María Luz Castelao Boó como Directora da área de Soporte; Alejandro Andrio Rizo, Director de Operacións en España; Alberto Villar Ferrer, Director de Desenvolvemento de Negocio Internacional; e Diego García Mouriño, Director Técnico.

Que é ALDABA?

ALDABA é unha compañía referente do sector da Consultoría TIC galega que, desde 2003, presta servizos e deseña, desenvolve e implanta solucións do mundo da informática e as comunicacións, conforme ás necesidades expostas por cada cliente, para a optimización dos seus procesos de negocio.

Que é SEOGA?

SEOGA é unha empresa galega con presenza en toda España, nacida en 2011, que ofrece servizos para optimizar e axilizar a tramitación e facturación da asistencia sanitaria en centros médicos e hospitalarios privados, concentrando a tramitación nun único portal, aplicando as regras de baremado e negocio das compañías de seguros e comprobando que toda a actividade é liquidada pola compañía aseguradora.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies