Dos Espacios implanta a primeira solución de Destino Turístico Intelixente no Camiño de Santiago

Silvia Camesella,

Dos Espacios implanta a primeira solución de Destino Turístico Intelixente no Camiño de Santiago


  • Este innovador proxecto de dixitalización permitirá extraer datos de fluxos de visitantes en tempo real, virtualizar e escanear os bens patrimoniais máis destacados e coñecer a experiencia de visitantes a través dunha aplicación móbil

A compañía Dos Espacios posiciónase como o primeiro provedor que implanta unha solución de Destino Turístico Intelixente (DTI) no Camiño de Santiago. Trátase dun innovador proxecto de dixitalización do Camiño Francés que permitirá extraer datos de fluxos de visitantes en tempo real.

O proxecto, denominado “Camiño 360º” aplicarase na área de influencia da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés (Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela), así como en catro concellos de León (Camponaraya, Trabadelo, Vega de Valcarce e Villafranca del Bierzo) e presentouse hoxe na Casa de Galicia en Madrid coa participación dos alcaldes e alcaldesas das localidades polas que transcorre este roteiro; así como do CEO de Dos Espacios, Santiago Paz Noya.

Unha Plataforma Turística Intelixente, desenvolta coa colaboración de Telefónica, que constituirá a principal ferramenta da Mancomunidade para a xestión e o coñecemento do turismo na súa área de influencia; un sistema de control de fluxos turísticos, un sistema de alerta temperá da variación de fluxos de peregrinos; a virtualización e escaneo 360º de bens patrimoniais culturais, artísticos e naturais; un sistema de cartelería dixital nas oficinas de turismo, un portal web público e unha aplicación móbil; así como un módulo de enquisas en destino para coñecer o grao de satisfacción e a experiencia real de visitantes e cidadanía, son as principais solucións que Dos Espacios implantará nestes quince concellos.

“Camiño 360º” conta co apoio da Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur) e está financiado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, con fondos Next Generation EU.

Expertos en TurisTech

Cabe lembrar que Dos Espacios é unha das 30 empresas seleccionadas por Telefónica, a única galega, para integrar a súa Hub de Innovación Turística (HIT), a través do que prestará apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, administracións públicas e empresas deste sector.


Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies