SIVSA participa nun proxecto de I+D+i do Grupo Stellantis para ofrecer servizos avanzados máis flexibles, personalizados e conectados aos seus clientes

Silvia Camesella,

SIVSA participa nun proxecto de I+D+i do Grupo Stellantis para ofrecer servizos avanzados máis flexibles, personalizados e conectados aos seus clientes


En SIVSA, a innovación forma parte da cultura corporativa e do noso día a día. É, xunto ao noso equipo, un dos nosos valores máis importantes e unha das principais razóns que nos fan seguir sendo competitivos no mercado.

Neste sentido, traballamos para o grupo automobilístico ítalo-franco-estadounidense Stellantis nun proxecto de I+D+i en continua evolución para ofrecer servizos avanzados aos usuarios de vehículos e ofrecer solucións innovadoras máis flexibles, personalizadas e conectadas, acordes coas necesidades cambiantes da sociedade.

O primeiro paso foi crear un kit de desenvolvemento de software ( SDK) nativo, tanto no sistema operativo Android como en iOS, é dicir, un paquete de ferramentas e datos que permitise desenvolver novas aplicacións de gran utilidade para o cliente final do sector da automoción. O funcionamento do SDK está baseado en sensores que se distribúen nos diferentes modelos dos vehículos para ofrecer información.

Marcando o paso da mobilidade do futuro

O equipo implicado neste proxecto está inmerso actualmente no desenvolvemento de novas funcionalidades que están a marcar a mobilidade do futuro. Concretamente, no avance de novos casos de uso en vehículos de sistemas Text to Speech, así como en aplicacións que fagan posible o control do equipamento multimedia desde o móbil dos acompañantes, a través da tecnoloxía inalámbrica de curto alcance bluetooth ( BLE), ou a configuración automática da radio e o clima. Tamén nunha nova función que alerte aos condutores cando entran en zonas de baixas emisións, de enorme utilidade en cidades con restricións de acceso.

Trátase de aplicacións que se conectan coa radio dos automóbiles a través de Bluetooh, wifi ou USB mediante o protocolo de comunicación CEA (CarEasyApps), creado por Stellantis e que se comparte cos diferentes fabricantes dos equipos de radio. Desta forma, conséguese unha capa de abstracción na comunicación e un uso moi similar ao dunha API xenérica, con operacións de “ Get”, “Set” ou “Subscribe” asociadas ás diversas APIs ( climatizador, radio…).

Os vehículos de 5 das 14 marcas do Grupo Stellantis (Citroën, Peugeot, DS, Vauxhall e Opel) utilizan este protocolo nas aplicacións MyDS, MyPeugeot, MyCitroën…, desenvoltas en Francia. O noso equipo ofrece soporte aos seus homólogos no país para que poidan comunicarse cos vehículos, así como poñer en valor novas aplicacións coas que actualizar os vehículos dos clientes durante toda a súa experiencia de propiedade, de forma continua e inalámbrica.

Estas apps serven para unir a conta da internet dun cliente co seu vehículo de maneira directa e en tempo real, e ofrecerlle funcionalidades prácticas para levar un correcto mantemento do coche desde o smartphone: lembrar revisións, seguimento do consumo, asistencia, xeolocalización, cita en liña, axuda á condución…

Casos de éxito

Unha proba de concepto que se implementou en PSA Vigo coa participación do noso equipo e que posteriormente se lanzou ao mercado con éxito foi Send2 Nav, que permite ao usuario planificar un itinerario e envialo directamente desde o móbil e con tan só un clic ao sistema de navegación do automóbil.

Para SIVSA é un orgullo formar parte de proxectos que están a mellorar a experiencia dos clientes do sector da automoción e estar na orixe dunha ampla e innovadora gama de funcións e servizos a bordo, que se integran coa vida dixital do usuario.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies