Plexus Tech supera os 100 millóns de facturación e dá o salto ao mercado internacional

Silvia Camesella,

Plexus Tech supera os 100 millóns de facturación e dá o salto ao mercado internacional


A primeira tecnolóxica independente de Galicia e de España, Plexus Tech, continúa o seu proceso de expansión no mercado europeo e internacional, contando xa con centros de negocio e polos tecnolóxicos en Polonia, Alemaña, Londres, Lisboa ou Miami. Con este despregamento e crecemento en novos países, a compañía galega busca gañar un coñecemento e unha experiencia fundamental para ofrecer un mellor servizo a grandes compañías que son clientes actuais e a novos mercados moi demandantes de coñecemento e talento tecnolóxico hiperespecializado.

Para iso, a tecnolóxica desenvolveu un plan interno de ‘supertalentos’ nas últimas tecnoloxías como cloud, data, ecommerce ou ciberseguridade, achegando células de traballo de gran expertise nestas e outras áreas á vangarda do sector.

Captación de talento

Plexus pretende incorporar a máis de 500 profesionais na segunda metade de 2022 que se somen aos 2.200 integrantes actuais, dentro da súa filosofía de intercambio de coñecemento interxeracional, combinando a experiencia co talento novo. Un dos grandes desafíos da compañía, e do sector tecnolóxico en xeral, é precisamente a captación e retención dos profesionais e do talento debido a que a formación, desde o colexio ata a universidade, non é capaz de adaptarse á altísima demanda do sector.

Plexus conta con case 30 polos tecnolóxicos nacionais e internacionais que se reconverteron nos chamados Connection Points. Grazas a un modelo híbrido de traballo flexible que permite seguir gañando eficiencia, axilidade e versatilidade, o talento interno pode así atoparse nestes CP cando o consideren e necesiten para intercambiar coñecemento e experiencias.

No futuro inmediato, Plexus aposta por seguir ampliando as súas Connection Points en zonas nas que habitualmente non existían grandes proxectos tecnolóxicos. Un dos seus obxectivos é fomentar así o retorno e a creación dunha rede de talento e innovación a través de todo o país.

Servizos 360º

Plexus conta cun modelo de ecosistema tecnolóxico de servizos 360º, baseado na innovación, que lle permite contar entre os seus clientes coa práctica totalidade de empresas do IBEX 35 así como os grandes retailers, operadores turísticos e entidades financeiras. O seu potencial está en axudar ás empresas e administracións públicas a axilizar os seus procesos de transformación dixital.

A empresa conta con máis de 20 anos de experiencia cunha facturación de 102 millóns de euros en 2021, a pesar dunha pandemia á que soubo adaptarse creando novos produtos e flexibilizando a súa forma de traballar.

No últimos tres exercicios, Plexus experimentou un crecemento de dobre díxito e agora aposta tamén por gañar experiencia no mercado americano coa apertura da súa oficina en Miami e onde xa comezou a dar pasos para a homologación en distintas empresas cotizadas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies