O Clúster TIC Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria facendo especial fincapé na inminente apertura do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, prevista para este mes de setembro, e o plan formativo desenvolvido en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta e que supuxo o 40 % dos cursos impartidos en 2022 por grupos empresariais en Galicia.
No caso do polo tecnolóxico valorouse o avance das obras no CSA, que concluirán nas vindeiras semanas para proceder á instalación do equipamento preciso. Nesta orde de cousas, tamén se fixo mención a Galicia Turistic, proxecto no que participa o Clúster TIC Galicia, entre outras entidades, e cuxas instalacións tamén se dotaron dos servizos necesarios o pasado ano.
Durante o evento, que tivo lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago, tamén se destacaron as accións realizadas para mellorar as competencias e habilidades dixitais de traballadores, autónomos e desempregados. Entre elas, o plan formativo posto en marcha en 2022, con preto de 250 cursos e un orzamento de 1,6 millóns de euros, e que está a continuar neste 2023 con máis de 200 formacións e ao redor de 2 millóns de euros de orzamento, a través dos convenios asinados coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Novas prestacións para os socios
O Clúster TIC Galicia avanzou, ademais, a prestación de novos servizos para os asociados, entre eles, unha área de emprego para axudar ás empresas a atopar talento cualificado ou a creación dunha xanela en liña permanente conectada co Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, actualizado con carácter periódico para que calquera entidade interesada (organismo, cliente ou socio potencial) poida identificar e solicitar posibles provedores tecnolóxicos, especialmente asociados, a través da consulta dos seus produtos, servizos e capacidades.
Durante a asemblea, que se puido seguir de forma presencial e en remoto, tamén se presentou o informe económico de xestión do 2022, así como o orzamento e a proposta de actividades deste ano para a súa aprobación, como os programas Tech Angel e Startups TIC para o fomento do investimento tecnolóxico, realizados en colaboración cao AMTEGA e o IGAPE.
Suliñouse tamén o impulso da transformación dixital de empresas galegas a través da participación activa nos hubs de innovación dixital DIHGIGAL e EDIH DATAlife, e o desenvolvemento dun Plan Industrial para as TIC que permita incrementar o emprego no sector tecnolóxico galego en 8.000 profesionais engadidos netos.
133 socios
Actualmente, o Clúster TIC Galicia está conformado por 133 socios, 11 máis que na última asemblea, entre grandes empresas (15), pemes (100), emprendedores (14), centros tecnolóxicos (2) e colexios e asociacións profesionais (2), que supoñen unha facturación conxunta de máis de mil millóns de euros e ao redor de 15.000 traballadores.
Comentarios