Os socios do Cluster TIC Galicia terán unha participación activa na configuración e posta en marcha do Centro Público Demostrador TIC, impulsado desde a Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e coa entidade pública empresarial Red.es.
Os socios poderán suxerir a incorporación de produtos e servizos seus ao catálogo inicial do Centro Público Demostrador TIC, ademáis de aportar propostas ou suxestións que contribúan ao proxecto. Para iso, deberán encher un formulario e remitilo ao Cluster TIC antes do 4 de novembro, por medio da seguinte dirección de correo electrónico: info@clusterticgalicia.com. Nese formulario deberán incluir información detallada sobre os produtos e soluciós propostas.
Deste xeito, e segundo acordo tomado na reunión coa SXMIT celebrada o pasado 15 de outubro, o Cluster TIC Galicia colabora nunha iniciativa que se enmarca na Axenda Dixital Galega 2014.gal e que, sen dúbida, será positiva para o desenvolvemento do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións na nosa comunidade autónoma.
O Centro Público Demostrador TIC de Galicia será un punto de encontro entre o sector TIC galego e as empresas doutros sectores. Un centro no que as empresas TIC poderán mostrar a potenciais clientes, de forma práctica, produtos e servizos tecnolóxicos dirixidos a mellorar a súa produtividade e competitividade.
Entre os obxectivos prioritarios do Centro Público Demostrador TIC están: difundir as bondades da incorporación das TIC aos procesos produtivos das empresas; facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as empresas; asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas, e poñer os medios para a realización de probas e innovacións tecnolóxicas, plataformas, produtos, servizos, modelos de negocio, etcétera ao servizo das empresas.
O centro, que estará ubicado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, será un punto de referencia para as innovacións tecnolóxicas e ofrecerá a todas as empresas do sector TIC a posibilidade de acceder ao uso das instalacións, equipamento avanzado e servizos dispoñibles, para a realización de actividades demostradoras de solucións TIC.
Comments