O Cluster obtén a cualificación de Agrupación Empresarial Innovadora (AEI) Excelente

O Cluster obtén a cualificación de Agrupación Empresarial Innovadora (AEI) Excelente


O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio respondeu positivamente á solicitude de cualificación como Agrupación Empresarial Innovadora (AEI) Excelente feita conxuntamente polo Cluster TIC Galicia e a Plataforma Tecnolóxica Vindeira.

A decisión de presentar a solicitude de AEI baixo a personalidade xurídica do Cluster TIC Galicia pero conxuntamente con Vindeira foi adoptada no Comité Estratéxico (COES) do pasado 27 de abril. A resposta positiva do Ministerio de Industria significa a inscrición da entidade no rexistro coa denominación AEI Cluster TIC Galicia -Vindeira.

Segundo as condicións establecidas polo ministerio, unha AEI defínese como a “combinación, nun espazo xeográfico ou sector industrial concreto, de empresas, centros de formación, unidades de investigación e outros axentes, públicos ou privados, involucrados en procesos de cooperación que lles permitan obter vantaxes ou beneficios derivados da execución de proxectos conxuntos de carácter innovador, e acadar unha masa crítica tal que poida asegurar a súa competitividade e visibilidade internacionais”.

A esta cualificación poden optar entidades previamente existentes que cumpran unha serie de condicións, entre elas a elaboración dun Plan Estratéxico que debe recibir por parte do ministerio a cualificación de “excelente”. Na práctica, isto esixe a reunión dun conxunto de empresas  con universidades e centros de investigación; un plan detallado de infraestruturas e proxectos a desenvolver, e ratios obxectivos para o seguimento dos niveis de éxito do plantexados. Trátase deste xeito de acreditar a excelencia na xestión de proxectos innovadores.

Ser recoñecida como Agrupación Empresarial Innovadora supón importantes vantaxes tanto para a agrupación como para os seus membros, como unha valoración adicional dos seus proxectos nos programas de axudas xestionados polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio; a posibilidade de optar a unhas liñas específicas de axudas para AEI, e a capacitación de actuar como entidade intermediaria na tramitación de axudas a empresas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies