None
Por David Trigo López, xerente do Cluster TIC Galicia.
Prezado socio:
O peche dun ano é sempre unha ocasión para exercitarse no saudable exercicio de facer balance e plantexar novos retos e obxectivos cara o futuro inmediato. Toca pois reflexionar sobre o que foi o 2010 e o que será o 2011.
Para o Cluster TIC Galicia, o ano que agora remata foi un período tan ilusionante e difícil como enriquecedor e decisivo. Un ano no que o duro traballo que se realizou traduciuse en resultados que, aínda que incipientes, confirman que esta organización está preparada para marcar a pauta do sector na nosa comunidade autónoma.
O primeiro fito do ano foi a Asemblea do 11 de febreiro, da que saíu a actual estrutura directiva e que supuxo a verdadeira posta en marcha do Cluster. A partir de aí, os primeiros pasos que se deron estiveron orientados a obter a lexitimidade como a entidade representativa do sector ante as administracións públicas e a sociedade civil, fixando a postura do Cluster en asuntos que afectan decisivamente no só ao noso sector senón tamén ao conxunto da economía e da sociedade de Galicia.
Veu logo o a posta en marcha dos grupos de traballo e a configuración da estrutura administrativa da entidade, poñendo en marcha ferramentas de comunicación que, aínda que apoiadas nunha plataforma tan limitada como é a nosa actual web, están demostrando unha importante axilidade e eficacia.
Feitos decisivos foron tamén a consecución da cualificación como Agrupación Empresarial Innovadora (AEI), o lanzamento do primeiro Plan de Formación, que concluíu cunha valoración moi positiva por parte dos participantes, e o proceso de elaboración do Plan Estratéxico.
O 2011 promete tamén moito traballo, pero con resultados de gran visibilidade que comezarán a manifestarse nos primeiros meses do ano. Presentaremos en sociedade o Plan Estratéxico; porase en marcha unha web acorde coas necesidades da organización, unha auténtica plataforma de traballo ao servizo dos diferentes órganos do Cluster e de todos os seus membros; culminaranse as negociacións actualmente en marcha coa Xunta de Galicia para asinar un convenio de gran proveito para o noso sector; e estaremos en condicións de ofrecer aos nosos socios vantaxes importantes no acceso a servizos tan relevantes como Formación, Comunicación, Proxectos ou Financiamento.
Así pois, recibe os meus mellores desexos de cara a este novo ano que esperemos traia prosperidade a todos os que formamos parte do Cluster TIC Galicia.
David Trigo
Xerente do Cluster TIC Galicia
Comments