En setembro (confirmaranse as datas proximamente), desenvolveranse cursos de capacitación en ciberseguridade e xestión empresarial e organización 4.0, destinados a traballadores de pemes galegas. Ambos cursos contan co co-financiamento do IGAPE a través do seu programa IG229 - Axudas a proexectos de formación industria 4.0 (2017).
A ciberseguridade é unha temática prioritaria en calquera tipoloxía de empresa actual xa que os datos constitúen un dos principais activos das mesmas. Mediante este curso, os alumnos poderán coñecer as ameazas e posibles ataques que poden dirixirse cara os sistemas telemáticos dunha entidade, saberán xestionar a seguridade dos datos na rede ou coñecer os perigos que se agochan no uso de dispositivos móbiles ou en mobilidade.
A incorporación das tecnoloxías da Industria 4.0 ás empresas permite dispoñer e procesar un grande volume de datos e información, obtidos ao longo de todo o ciclo de vida dos seus produtos e servizos para a toma de decisións e o desenvolvemento de novos modelos de negocio. Mediante este curso, os alumnos poderán ter os coñecementos chave para a xestión de proxectos empresariais dende a perspectiva da nova Industria 4.0.
Comentarios