A misión comercial inversa do Clúster TIC reforza a internacionalización das empresas galegas

Óscar Santos Rodríguez,

A misión comercial inversa do Clúster TIC reforza a internacionalización das empresas galegas


A misión comercial inversa do Clúster TIC Galicia, celebrada en Santiago de Compostela durante os días 22 e 24 de maio, finalizou con éxito. As sete importadoras potenciais convidadas, procedentes de países de Europa e América, mostraron gran interese polo traballo que se está desenvolvendo na comunidade e iniciáronse interesantes colaboracións que abren novas oportunidades de negocio para o sector TIC.

Durante a misión, cofinanciada polo IGAPE, leváronse a cabo encontros bilaterais e actividades de networking entre os socios do Clúster e as compañías convidadas, que pertencen a sectores como as telecomunicacións, os medios audiovisuais, a consultoría e o desenvolvemento de software. Ademais, algunhas organizacións visitaron as sedes de varias empresas galegas para coñecer de primeira man os seus procesos innovadores de produción e comercialización e o gran talento tecnolóxico co que contan.

O encontro permitiu tamén atopar provedores, socios tecnolóxicos, e alcanzar acordos comerciais que reforzan un dos obxectivos principais do Clúster: posicionar a Galicia como referencia en innovación tecnolóxica e I+D+i a nivel mundial e captar presciptores no sector TIC internacional. De feito, foi tamén importante a participación do  CITIC –Centro de Investigación en  Tecnoloxías de Información e  as  Comunicacións-, cuxo responsable de Innovación e Transferencia Tecnolóxico, Manuel Bustabad, puxo en valor as capacidades do centro e as súas principais liñas de actividade en I+D+i. Tamén a xestora de I+D no CiTIUS, María Tenorio, explicou o compromiso do centro coa excelencia investigadora e a mellora continua na programación científica e na procura de financiamento e impacto.

Empresas convidadas de Latinoamérica, Canadá, Inglaterra e Alemaña

Entre as sete importadoras potenciais convidadas participaron entidades cunha dilatada experiencia na transformación dixital de negocios, como The  Server  Labs (Inglaterra); Ceeq  IT  (Canadá), especializada na utilización do Machine Learning ou aprendizaxe automática no sector bancario e nas compañías aseguradoras; e GBTEC Software (Alemaña), que conta cunha innovadora ferramenta de BPM ( Business Process Management), denominada BIC Platform, que xa implementaron como sistema de xestión automática de procesos en administracións públicas e empresas de todo o mundo.

 O audiovisual foi tamén protagonista coa asistencia do director técnic de TCS (Telecorporación  Salvadoreña), a empresa de medios de comunicación máis grande do Salvador e unha das máis innovadoras na rexión centroamericana; Azteca Comunicacións, que conta coa rede de fibra óptica máis grande de Colombia e con servizos de televisión, internet e telefonía para máis de 900 localidades e 2.000 institucións públicas; e GoLive  Entertainment  Holding (Arxentina), cunha plataforma de OTT (Over- The- Top), que ofrece un sistema de streaming en alta definición, apps multipantalla e un repositorio de contidos con máis de 8.000 títulos.

 Outra das participantes na misión inversa foi Adminex (Brasil), que ofrece solucións en administración a pemes que queren establecer actividades no estranxeiro.

None

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies