A Cidade das TIC acolleu o acto simbólico de inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados ( CSA), o primeiro edificio en rehabilitarse no que foi o complexo da Fábrica de Armas e que será xestionado polo Clúster TIC Galicia.
O Centro de Servizos Avanzados será ocupado por empresas tecnolóxicas e converterase en sede dalgunhas empresas e tamén das unidades de I+D que necesite o sector empresarial que funcionarán de forma colaborativa. Intelixencia Artificial, Internet das cousas, Dispositivos intelixentes, Media e Quantum. Será ademais o gran escaparate multimedia do sector e traballará de forma coordinada con centros e hubs de innovación sectoriais.
O CSA é un edificio que nace “cheo”, asegurou o presidente do Clúster TIC, e que xa desbordou os límites de espazo debido ás numerosas demandas das empresas do sector por instalarse na Cidade das TIC; de feito, desvelou Rodríguez del Corral, tiveron peticións para completar outras dúas naves que están á espera de financiamento. “Insistimos nisto porque Galicia necesita unha referencia física e tecnolóxica de sinal internacional, que atraia máis empresas e talento e nós apostamos pola Cidade das TIC”.
Rodríguez del Corral reiterou as súas felicitacións ao Igape e á Vicepresidencia 2ª. CFAs de Galicia, agradecendo o apoio recibido de Altia, Plexus, Imatia, Aldaba, Itelsis, Dos Espacios, ITG, Xoia, Librebit e Visual Publinet e a todas as institucións que o apoian e financian:Vicepresidencia da Xunta, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Goberno deEspaña e especialmente á Universidade da Coruña.
A Cidade das TIC recibiu o apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Igape, para a construción do Centro de Servizos Avanzados. O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Ciudad das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A empresa ACCIONA executará as obras de rehabilitación por un importe de 3,5 millóns de euros e que se prevé finalicen en febreiro de 2023.
Para o CSA propóñense unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto de Carlos Pita expón a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.
Intervención do presidente do Clúster TIC Galicia durante o acto simbólico de inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados.
Comentarios