A intelixencia artificial e a colaboración público privada na transformación dixital centran a xornada de apertura do centro GaiásTech da Xunta

Silvia Camesella,

A intelixencia artificial e a colaboración público privada na transformación dixital centran a xornada de apertura do centro GaiásTech da Xunta


A oportunidade que ten Galicia de especializarse en intelixencia artificial foi un dos argumentos da xornada coa que hoxe comezou a súa actividade o centro GaiásTech da Xunta, que ocupa unha superficie de 500metros cadrados na Cidade da Cultura.

A xornada de traballo estivo precedida das intervencións da directora da Amtega, Mar Pereira, e da directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Así mesmo, o director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, ofreceu unha visión global do proceso de transformación dixital de Galicia que se reflicte na plataforma DixiTerrae.

A xornada técnica inaugural, baixo o título “Impulsando a dixitalización de Galicia”, acolleu dúas mesas de debate sobre Intelixencia Artificial e sobre a estrutura de colaboración público privada reflectida nos nodos tecnolóxicos de Galicia.

Na primeira das sesións, a directora do entorno de Saúde do Instituto de Enxeñaría do Coñecemento (IIC), Elisa Martín, moderou unha mesa de debate na que participaron a coordinadora do Grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da Universidade da Coruña,Amparo Alonso, e o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago, Senén Barro. Ademais, Elisa Martín tivo unha intervención sobre o uso da intelixencia artificial para a innovación.

A segunda sesión estivo coordinada polo presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez, e contou coas participación da directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo, Rebeca Díaz, e o directivo do ISMS Forum e director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca, Roberto Baratta. Os participantes nesta mesa puxeron en valor a estratexia de colaboración entre administración públicas e co sector privado, que se plasma nos nodos tecnolóxicos promovidos pola Xunta de Galicia.

Un centro para unha transformacióndixital ao servizo das persoas

O centro GaiásTech que hoxe inicio a súa actividade na Cidade da Cultura de Galicia actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro estará á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Terá tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.

A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, contará cun espazo de inmersión interactivo e coa superficie proxectada, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos. 

O novo centro ofrecerá servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorporará tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funcionará, así mesmo, como un centro de asesoramento que porá á disposición de industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada.

De xeito paralelo a este espazo físico, Gaiastech disporá dun “xemelgo” dixital no que se localizará a axenda tecnolóxica da Galicia, disporá dos seus propios espazos virtuais e actividades e permitirá a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais da nosa Comunidade.

O GaiásTech será tamén o espazo dende o que se coordinará a actividade dos nodos tecnolóxicos de Galicia, baseados na colaboración público privada e que aliñan a estratexia de transformación dixital da nosa Comunidade coas estratexias europea e española.

Os nodos están formados polas administracións, as institucións de referencia e as empresas implicadas no desenvolvemento de tecnoloxías como o 5G, a Intelixencia Artificial, a Ciberseguridade ou o Big Data.

Ademais de ofrecer soporte e asesoramento especializado aos sectores tecnolóxicos, o GaiásTech disporá e divulgará o mapa de capacidades dixitais de Galicia. Entre os seus obxectivos está tamén o de fomentar e atraer o talento dixital.

Novas plataformas na web

O inicio da actividade do GaiásTech coincide coa posta en marcha por parte da Xunta de dúas plataformas na web que reflicten a transformación dixital da sociedade galega, e ofrece información sobre as utilidades prácticas e solucións que proporciona este proceso.

O novo centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal,que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego.

Pola súa banda, a plataforma dixiterrae.xunta.gal ofrece á cidadanía información sobre o proceso de transformación dixital e facilita o acceso e o coñecemento sobre os recursos e ferramentas dispoñibles.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies