SIXTEMA desenvolve unha innovadora solución tecnolóxica para a restauración virtual de obxectos patrimoniais

Silvia Camesella,

SIXTEMA desenvolve unha innovadora solución tecnolóxica para a restauración virtual de obxectos patrimoniais


  • Unha plataforma pioneira que combina escaneo 3D, intelixencia artificial e realidade aumentada para facilitar a conservación dixital e a súa proxección en contornas virtuais

A empresa tecnolóxica galega Sixtema finalizou con éxito o proxecto RESTAUR.AR, unha ambiciosa iniciativa de I+D orientada a desenvolver novas ferramentas dixitais para a conservación, restauración e divulgación do patrimonio cultural. O proxecto foi subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e contou co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

RESTAUR.AR permitiu desenvolver unha solución integral que xera réplicas dixitais en 3D de obxectos patrimoniais e simula procesos de restauración de forma virtual e non invasiva grazas ao uso de intelixencia artificial. Esta tecnoloxía permite aplicar criterios avanzados de análises e predición sobre os obxectos dixitalizados, axilizando as tarefas de diagnóstico e propoñendo hipótese de intervención de forma automatizada e segura. Ademais, a ferramenta incorpora contornas inmersivas que permiten visualizar e interactuar cos resultados en realidade aumentada e realidade virtual, sen necesidade de manipular fisicamente os obxectos.

“RESTAUR.AR é unha mostra do que ocorre cando a tecnoloxía ponse ao servizo dun propósito maior: preservar o coñecemento, protexer o legado cultural e facelo accesible. É unha liña de traballo que levamos anos impulsando e na que seguiremos profundando”, explica Alejandro Lamas, director xeral de Sixtema.

Durante o seu desenvolvemento, RESTAUR.AR permitiu avanzar no escaneo 3D de alta precisión mediante tecnoloxía LiDAR integrada en dispositivos móbiles, automatizar a análise do estado de conservación de obxectos culturais, e aplicar técnicas de modelado preditivo con intelixencia artificial para crear réplicas dixitais restauradas sen intervir fisicamente sobre as pezas orixinais. Este novo enfoque introduce unha nova capa de intelixencia na toma de decisións técnicas. O resultado é unha solución escalable que ademais permite a creación de novas experiencias de divulgación cultural a través de contornas inmersivas e tecnoloxías accesibles, combinando rigor técnico e usabilidade.

“Este proxecto representa moi ben a nosa visión de como a innovación pode xerar solucións útiles e con impacto real en sectores onde a tecnoloxía aínda ten moito que achegar. A aplicación de intelixencia artificial neste contexto foi especialmente enriquecedora e abre novas oportunidades de transferencia e colaboración”, engade María Lorente, directora de innovación de Sixtema. 

O proxecto contou coa participación do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Cunha traxectoria de vinte anos, Sixtema consolida a súa posición como socio tecnolóxico para proxectos de dixitalización e transformación do sector patrimonial e cultural.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies