Plexus Tech foi galardoa co Premio ‘Fulget 2022’ á Empresa Galega do Ano. A Comisión de Actividades Complementarias á Docencia da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) distinguiu á nosa compañía, con este galardón, pola nosa colaboración co centro, a través de accións encamiñadas a mellorar as relacións entre o labor académico e a súa contorna profesional.
Esta distinción, entregada este mércores 12 de abril durante os actos conmemorativos da festividade de San Vicente Ferrer, patrón da Facultade, recoñece tamén o compromiso decidido pola innovación da nosa compañía, así como a nosa contribución empresarial a Galicia e, particularmente, ao ámbito social da USC.
Á hora da elección de Plexus Tech tívose en conta tamén o noso crecemento sostible nestes últimos anos e, especialmente, no pasado exercicio. Deste xeito, en 2022, mantendo a nosa liña ascendente, o noso volume de facturación ascendeu a 124 millóns de euros, un 21,8% máis que no 2021; á vez que o noso persoal superou a cifra dos 2.600 profesionais, cun incremento de máis dun 40% en comparación co peche do ano anterior. Grazas a iso, convertémosnos nunha Empresa Líder no Sector TIC.
Por todo iso, Plexus Tech foi nomeada como gañadora desta nova edición dos premios Fulget. A nosa directora de Cultura e Talento, Maribel Pérez, foi a encargada de recibir a distinción da man de Xoán Ramón Doldán García, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; María Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; e María José Barcia Domínguez, secretaria da Facultade.
En primeiro lugar, con motivo do recoñecemento, Maribel Pérez quixo agradecer, en nome dos “máis de 2800 compañeiros e compañeiras que forman parte da nosa familia”, a elección de Plexus Tech para este prestixioso galardón. Nesta liña, sinalou que, no seu caso, a “ilusión” era dobre, xa que estudou a carreira nas aulas da facultade compostelá.
Durante o seu discurso, quixo poñer en valor a importancia de colaboración entre empresas e Universidade, “unha gran vantaxe para que os alumnos accedan dunha forma máis eficiente á súa nova etapa, a profesional, que ás veces dá tanto vertixe”, sinalou. Por iso, reiterou que, canto maior sexa o coñecemento que teñan do día a día empresarial, “máis sinxelo resultaralles este novo e apaixonante camiño”.
Neste sentido, quixo destacar o exemplo da nosa empresa. “Unha compañía tecnolóxica como Plexus coñece ben o que é contratar talento e tamén vivimos a escaseza do mesmo, apostamos sempre por unha actualización continua desde a universidade, do mesmo xeito que o facemos as empresas neste mundo tan cambiante”, destacou.
Por iso, defendeu a orientación dos estudos universitarios cara á tecnoloxía, xa que, como recalcou Maribel Pérez, “todas as profesións van ter un compoñente tecnolóxico dunha ou outra forma”.
Así mesmo, #ante os presentes, puxo en valor tamén o modelo híbrido de traballo de Plexus Tech, unha filosofía “flexology” que permite ao noso persoal “traballar desde a súa casa, desde a praia ou nalgunha das 24 oficinas que temos repartidas en todo o territorio español, Portugal, Londres, Polonia e Alemaña”, remarcou.
En todo caso, máis aló da presenza de Plexus Tech en 27 países, Maribel Pérez encomiou a aposta da nosa empresa por Galicia. “Crecer cada ano e facelo con talento galego, é tamén un dos nosos obxectivos”, manifestou. Por este motivo, para pechar a súa intervención, reiterou o desexo da nosa compañía de seguir atraendo aos mellores profesionais.
Por último, cabe destacar que, con este galardón, Plexus Tech pasará a formar parte do Comité Consultivo de Expertos Externos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Sobre Plexus Tech
Plexus Tech é unha compañía tecnolóxica especializada en servizos e produtos IT, con máis de 20 anos de traxectoria e cun equipo de máis de 2.800 profesionais. Conta con 24 sedes no territorio español e presenza internacional en UK, Alemaña, Portugal, México e USA (Miami). Traballa para gran parte das compañías do IBEX35, os principais retailers do país, e con gran especialización no sector banca, turismo, servizos sociais, sendo líder a nivel nacional no sector de saúde, tanto na administración pública como privada.
Entre os seus obxectivos está a creación de células de hiperespecialización nas últimas tecnoloxías para todas as áreas transversais como ciberseguridade, dixital, customer centric, arquitectura e data, cloud, ecommerce... Ademais, conta cun modelo híbrido de traballo, “Flexology”, que permite aos seus equipos desenvolver o seu labor profesional desde a súa casa, a oficina ou desde calquera parte do mundo.
Comentarios