A dixitalización continúa sendo a gran materia pendente da xestión de residuos en España. Só o 16,2% das grandes empresas produtoras de residuos do noso país contan cunha solución dixital para o tratamento dos mesmos. Destas, un 92,3% afirman dispoñer dunha solución de software comercial específica, mentres que o 7,7% restante optou por un software de xestión propio.
Estes datos están recollidos nun estudo realizado pola empresa de software TEIMAS, tomando como referencia unha mostra de 265 corporacións.
As causas da “non” dixitalización
As razóns que expoñen as grandes empresas produtoras de residuos analizadas para non dixitalizar aínda a súa información de residuos son diversas. Así, un 18% afirman que “resolven esta tarefa a través doutras solucións non específicas, como follas de excel”, mentres que un 5,5% indican haber externalizado a xestión e outro 4,5% apunta cara á falta de orzamento “para afrontar proxectos destas características”.
Finalmente, o 72% restante das corporacións que non dixitalizan o tratamento dos seus refugallos manifestan que “non é o momento”. Baixo esta afirmación englóbanse aspectos como a falta de recursos económicos causada pola crise dos semiconductores, a priorización doutros proxectos máis urxentes, ou a falta de interese por solucións tecnolóxicas especializadas en dixitalización de residuos fronte a outras solucións máis transversais.
Telecomunicacións, enerxía eléctrica e gas, á cabeza
Tendo en conta a súa actividade, as corporacións con maior grao de dixitalización dos seus residuos concéntranse nos sectores de telecomunicacións (66,7%), subministración de enerxía eléctrica (50%) e industrial (35,29%).
Por outra banda, destaca a baixa porcentaxe de dixitalización das grandes corporacións petroquímicas (gasolina e gas). Das 48 enquisadas, só o 29% están a tratar dixitalmente os residuos que producen. Menor porcentaxe aínda se observa nos sectores de alimentación e bebidas (13,3%), loxística, transporte e almacenamento (12,5%) ou construción (10,53%).
Adicionalmente, se se toma como referencia a facturación destas grandes corporacións, a tendencia é inequívoca: a maior volume de facturación, maior grao de dixitalización de xestión de residuos.
Comentarios