A consultora tecnolóxica Emetel incorporou ao seu Consello Asesor a Julio Sánchez Agrelo, quen dirixiu durante case 20 anos a División de Rede do operador de telecomunicacións galego R e que, actualmente, é presidente da Asociación e decano do Colexio Oficial, de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e Vogal no Colexio Oficial e Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación.
Sánchez Agrelo conta cunha experiencia de máis de 30 anos no sector TIC. Durante 19 anos dirixiu a División de Rede do operador de telecomunicacións galego, R, facéndose cargo desde o momento inicial da Enxeñería, da Construción e da Operación e Mantemento de toda a súa infraestrutura.
Por outra banda, foi membro de diferentes Consellos de Administración, así como iniciou o seu propio negocio sendo emprendedor no mundo dixital, converténdose en cofundador de HUB Dixital, a primeira escola de negocios dixitais de Galicia (formación, outsourcing, selección e aceleración do Talento Dixital).
O presidente de Emetel, Manuel Lago considerou esta incorporación como un orgullo: “Que se incorpore alguén como Julio Sánchez, sen dúbida axudaranos en todos os retos que temos por diante e achegaranos toda a súa experiencia e liderado en proxectos tecnolóxicos para potenciar a estratexia de crecemento da compañía”.
Pola súa banda, Sánchez Agrelo destacou que “nun mundo tan competitivo como é o do sector TIC, supón un gran reto colaborar nunha compañía como Emetel e contribuír ao seu crecemento". Neste sentido, “espero poder axudar activamente a conseguir este obxectivo, logrando que a compañía se fortaleza como referente en infraestruturas tecnolóxicas, procesos de transformación dixital e ciberseguridade, de maneira completa e transversal”.
Deste xeito, con esta incorporación no seu Consello Asesor, Emetel reforza o seu obxectivo de achegar valor a través de tecnoloxía innovadora e útil como motor para a transformación cultural e dixital das empresas.
Emetel, centrouse nos últimos anos no desenvolvemento de proxectos de alto valor para xerar un impacto positivo tanto nas organizacións como nas persoas. A innovación é o eixo en cada un dos distintos sectores nos que traballa: industria, téxtil, financeiro ou loxístico portuario, onde encabeza desde hai anos o deseño e implementación dos Smart Port en España.
Sobre Emetel
Emetel, nacida en 1994, é unha consultora tecnolóxica especializada en facilitar a institucións públicas e empresas privadas a dixitalización, segura e efectiva, dos seus procesos de negocio, mediante a implantación de solucións tecnolóxicas innovadoras e personalizadas. Con oficinas en Madrid, A Coruña, Vigo, Avilés e Cádiz, a súa actividade préstase por toda a xeografía española e está orientada ás solucións dixitais, arquitectura tecnolóxica, a ciberseguridade e o goberno dixital, entre outras.
Comentarios