O alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, e o director executivo de eLABORO, Jesús Velasco, presentaron hoxe a aplicación City4xove, dirixida a facilitarlles aos veciños unha nova vía de interacción co concello. Nun acto desenvolvido no Centro Cívico e ao que asistiron representantes de diversos colectivos sociais de Xove, Salgueiro e Velasco explicaron as múltiples vantaxes que vai representar esta ferramenta tecnolóxica a prol da notificación de avisos por parte da poboación. A aplicación está xa dispoñible para a súa descarga gratuíta en Google Play, para plataformas Android.
Segundo sinalaron, a principal función de City4xove é a de poñer nas mans dos veciños unha ferramenta coa que informar en calquera momento e lugar de incidencias detectadas en mobiliario ou espazos que dependen do concello: alumeado, recollida do lixo, rede de sumidoiros, instalacións municipais,… As notificacións derívanselles ás persoas responsables de cada área, incluíndo as empresas concesionarias, que poderán facer un seguimento constante da xestión das incidencias, desde que se coñece ata que se resolve. Pola súa parte, o cidadán tamén terá constancia, tanto da recepción do seu aviso como da solución do problema, a través de mensaxes que recibirá directamente no dispositivo desde o que enviou a notificación.
Tamén en fin de semana e festivos
Ademais, a posta en marcha de City4xove garantirá a resposta dos servizos municipais ante as incidencias rexistradas os 365 días do ano, xa que, nas xornadas non laborables, o sistema derivará as notificacións aos Vixiantes, que actuarán de inmediato no caso de que se precise unha reparación urxente. Trátase dunha característica específica da aplicación creada para Xove, que é posible grazas á adaptabilidade da ferramenta, deseñada, en palabras de Jesús Velasco coma un “traxe a medida” para cada concello.
O obxectivo é potenciar a eficacia e a transparencia na xestión das incidencias que se produzan, ao tempo que se lle facilita á poboación unha nova vía de comunicación co concello. Neste sentido, fíxose un chamamento á colaboración cidadá para poñer en coñecemento dos responsables locais calquera incidencia e lograr, coa implicación de todos, a máxima axilidade na súa solución.
City4 en Galicia
Xove súmase así aos máis de vinte concellos que xa dispoñen da aplicación City4, entre os que figuran o de Barreiros, O Grove, Arzúa ou Rianxo, entre outros. A ferramenta está a ser implantada con éxito na xeografía galega, grazas á súa capacidade de adaptación ás necesidades de cada localidade e á mellora que representa na xestión municipal e no obxectivo de achegarlle o Goberno local ao cidadán. Trátase así de potenciar as posibilidades das smart cities en concellos pequenos e con poboación dispersa, onde as novas tecnoloxías están a converterse en instrumentos básicos na comunicación e o acceso dos veciños aos servizos municipais.
SOBRE eLABORO
eLABORO S.L é unha empresa de capital galego que desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da consultaría tecnolóxica e de organización, especialmente no eido da Administración pública e das grandes corporacións. Con sede en Santiago de Compostela e delegación en Sevilla, implantou as súas solucións tecnolóxicas en diversos puntos do territorio español, a nivel autonómico (Xunta de Galicia, Gobierno de Navarra, Generalitat de Catalunya, Govern de les Illes Balears,…) e local (Cádiz, Gijón, Cáceres, Pontevedra,…).
Comentarios