No eido da Estratexia de Internacionalización que está a impulsar o Clúster TIC Galicia, estase a recabar a opinión das entidades adheridas sobre o seu interese en participar, de xeito coordinado, en feiras e congresos internacionais. Dende o Clúster, coa colaboración do CLAG, recompilouse nun único documento as feiras e congresos a nivel mundial máis destacados nos sectores das TIC e dos Contidos, documento que está á disposición dos socios na carpeta compartida de Dropbox “Ferias_Internacionales”.
Co obxectivo de ter un coñecemento máis específico das demandas de cada un dos socios, tense posto a disposicion dos socios un formulario web que recolle as devanditas feiras, dando oportunidade de propoñer outros foros non recollidos no listado. Cómpre lembrar que no Grupo LinkedIN de socios do Cluster TIC Galicia, permanecerá aberta ata o próximo venres unha enquisa sobre este mesmo tema.
Esta iniciativa pretende facilitar o apoio á participación do sector en feiras onde os demandantes de produtos TIC poidan coñecer a oferta do sector TIC galego, polo que se trasladará ó ICEX os resultados desta sondaxe para estudar a participación das entidades interesadas nas feiras máis referidas. Asemade, de cara o vindeiro ano 2014, estase a estudar a posibilidade de contar cun stand conxunto para facilitar a participación presencial das entidades adheridas dun xeito máis activo.
Comentarios