Sete grandes empresas incorpóranse ao Cluster TIC Galicia

Sete grandes empresas incorpóranse ao Cluster TIC Galicia


Sete empresas punteiras e con implantación internacional, representativas do sector industrial, a consultaría, os servizos de telecomunicacións e a enxeñaría, incorporáronse como socias ao Cluster TIC Galicia. Trátase de Alba Technology, Altia, Blusens, HP, Idom, Satec e Vodafone.

A entrada destes novos socios representa un importante impulso para o proxecto do Cluster TIC, centrado na captación de recursos e o desenvolvemento de proxectos que supoñan a creación de valor para as empresas do híper-sector das tecnoloxías da información e das comunicacións de Galicia. Neste modelo, as firmas de maior tamaño xogan un papel fundamental pola súa capacidade para xerar proxectos tractores e impulsar a comercialización de produtos tecnolóxicos galegos nos mercados internacionais. Este efecto de arrastre significa para as empresas pequenas unha axuda para o desenvolvemento de capital intelectual, que é o factor chave para a súa competitividade.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Cluster TIC Galicia e representante de R na entidade, manifestou a súa satisfacción polas novas incorporacións, sinalando que son a proba de que as empresas "confían" no Cluster. "Imos responder a esa confianza xerando negocio para as empresas, axudándolles na súa internacionalización e atraendo capital ao sector. En definitiva, sendo útiles aos nosos socios", concluíu Del Corral. 

En relación á súa incorporación ao Cluster TIC Galicia, os novos socios manifestaron o seguinte:

Alba Technology:   "A integración de Alba Technology no Cluster TIC enmárcase dentro do continuo desenvolvemento da compañía. Con este paso, cremos que as sinerxías que se poden xerar cos demais socios poden axudar a fortalecer a empresa, tanto nacional como internacionalmente".

Altia:   "Cremos nun Cluster TIC independente e ambicioso, cun enfoque empresarial, e que pode contribuír claramente a que Galicia poida ser unha referencia internacional en materia de Tecnoloxías da Información. Hai que cambiar e evolucionar conceptos, pero pensamos que é un reto posible".

Blusens:   "José Ramón García, presidente de Blusens, declara que é unha satisfacción para a súa compañía regresar a un Cluster TIC que agora si está convencido de que poderá achegar valor ás empresas que o integran. A reorientación e o aliñamento de obxectivos, o traballo en equipo, o maior rumbo á internacionalización, a imaxe de marca e a innovación e a procura dun beneficio común no conxunto dos integrantes do Cluster son pílulas de valor que desde Blusens recoñecemos moito. O equipo directivo actual, con Antonio Rodríguez del Corral á cabeza, conta con todo o noso respecto e, por suposto, apoio. Non nos cabe dúbida de que se conseguirán os obxectivos expostos".

HP:   "Para HP, a incorporación ao Cluster TIC Galicia supón, ante todo, unha reafirmación da nosa tradicional aposta polo sector tecnolóxico galego e polo desenvolvemento económico e social da nosa comunidade. Como Compañía firmemente asentada en Galicia, con dous centros de traballo locais e máis de 400 profesionais, a nosa presenza dentro do Cluster terá unha clara vocación tractora. Cremos que desde Hewlett Packard podemos desempeñar un papel crave á hora de impulsar proxectos e iniciativas que permitan a xeración de valor desde Galicia e que, por tanto, redunden en resultados tan importantes como a dinamización económica do sector, a posta en valor do coñecemento dos grandes profesionais galegos e, por suposto, o impulso do emprego na nosa comunidade". 

Idom:   "En Idom cremos na importancia da creatividade e na necesidade actual que teñen todas as empresas de innovar de maneira permanente. Por iso, identificamos a posibilidade de desenvolver novas capacidades a través dun esquema de innovación aberta, que contempla tamén a colaboración con outras empresas e organismos externos", sinala Rafael Espinosa, director de Idom, quen engade: "A nosa presenza no Cluster TIC permítenos afianzar esta formulación estratéxica, ao estar en contacto directo con outras entidades de alto nivel tecnolóxico".

Satec:   "Como multinacional 100% española, que conta con máis de 150 profesionais TIC en Galicia, Satec quere estar presente naqueles organismos  e institucións que poidan xogar un papel determinante no impulso do sector TIC en diferentes ámbitos. Neste sentido, confiamos en que a nosa presenza no Cluster TIC supoña, para os profesionais da nosa compañía, unha fonte de enriquecemento profesional, derivada das oportunidades de colaboración empresarial e institucional que poderemos compartir nesta nova etapa, as cales esperamos que supoñan unha fonte de novos negocios en colaboración para o noso Grupo".  

Vodafone:
  "Para Vodafone, estar en contacto directo coas empresas galegas no Cluster significa unha oportunidade única para compartir ideas que redunden nunha simbiose de competitividade e innovación. O sector das telecomunicacións é tractor hoxe do conxunto da economía, servindo de panca para a optimización dos custos e os esforzos na transformación da empresa a través dos servizos de mobilidade e na nube. As TIC supoñen, por tanto, un alicerce fundamental para estimular o desenvolvemento tecnolóxico e económico de Galicia, e estamos decididos a contribuír a este fin desde o noso compromiso con esta rexión, punteira en innovación e capital na nosa estratexia".

Nota de prensa (galego)

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies