Presentado o primeiro catálogo de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector téxtil

Presentado o primeiro catálogo de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector téxtil


No marco da Primeira Semana TIC adicada ao téxtil e que se celebrou en Santiago de Compostela, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentou ModaTIC.gal, o primeiro catálogo específico de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector. Esta guía, en cuxa elaboración participou o Cluster TIC Galicia, ofrece información sobre máis de 40 empresas e 70 servizos e aplicacións en tecnoloxías da información e das comunicacións.

Segundo informa a Xunta de Galicia, o catálogo ModaTIC.gal é unha guía que nace co obxectivo de ofrecer unha ferramenta, única ata o momento, onde as empresas do téxtil poden atopar solucións tecnolóxicas específicas para o seu sector e información dos diversos actores que conforman parte do ecosistema tecnolóxico en Galicia.

Máis do 40% dos produtos tecnolóxicos incluídos no catálogo eran descoñecidos para o sector, preto do 34% foro valorados como solucións potencialmente interesantes e un 23% corresponden a aplicacións ou servizos coñecidos e demandados. Así se desprende da análise que realizou o Cluster Téxtil Moda sobre o contido da guía.

A oferta tecnolóxica recollida no Catálogo ModaTIC.gal realizouse en colaboración co Cluster TIC Galicia e a plataforma tecnolóxica Vindeira, así como con outras asociacións tecnolóxicas da comunidade, como Agasol, Agestic, Eganet e Ineo.

Os empresarios do sector téxtil atoparán no catálogo unha relación de provedores de tecnoloxía galegos, cunha descrición da súa actividade como empresa, ademais dos datos de contacto.

As solucións tecnolóxicas están agrupadas baixo catro epígrafes: "Solucións de Xestión Empresarial", "Comercio Electrónico", "Solucións de trazabilidade do produto e xestión loxísitca" e "Solucións baseadas en mobilidade". En cada un destes apartados hai unha descrición funcional da solución ou servizo, un rango de prezo e empresas reais que teñen implantado o aplicativo.

Ademais, ModaTic.gal recolle unha relación de axudas e incentivos autonómicos, nacionais e europeos, onde as empresas do téxtil poden atopar subvencións, fondos aos que recorrer como axuda nun proxecto de implantación das TIC nas empresas. Así mesmo, e segundo informa o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o catálogo inclúe unha análise dos resultados da enquisa sobre a Sociedade da Información nas empresas galegas dedicadas ás actividades industriais, correspondentes ao grupo dos CNAE 10 a 18 onde está situado o sector téxtil. Os datos facilitados permiten identificar as principais variables correspondentes ao equipamento electrónico nas empresas, as ferramentas informáticas, a dispoñibilidade de Internet, a existencia de páxina web propia e as operacións de comercio electrónico realizadas polas empresas en Galicia.

Ligazón ao catálogo.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies