Participación na xuntanza de ATClusters en Rennes

Participación na xuntanza de ATClusters en Rennes


O Cluster TIC Galicia estivo presente, por medio do seu xerente, David Trigo, na xuntanza convocada por ATClusters nos pasados días 12 e 13 de xullo na cidade bretona de Rennes (Francia).

O obxectivo do proxecto europeo ATClusters pasa por organizar reunións sectoriais para promover a cooperación e o benchmarking entre as rexións asociadas. Así, xa foron varias as mesas sectoriais internacionais realizadas, como a celebrada en Xixón, que contou tamén coa participación do Cluster TIC Galicia. O encontro de Rennes foi organizado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, como principal promotora de ATClusters, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Á reunión foron convocadas entidades do sector media, que abrangue tanto as tecnoloxías da información e das comunicacións como o sector audiovisual e as industrias gráficas e creativas. Así, xunto ao Cluster TIC e o Cluster Audiovisual de Galicia, asistiron representantes de clusters do resto rexións que participan no proxecto: Irlanda, Asturias, Cantabria e Portugal. Por parte dos anfitrións bretóns, participaron o cluster de competitividade Images&Reseaux e o Cluster Articulteurs, xa presentado na conferencia trasnacional do proxecto celebrada en Santiago hai máis dun ano.

No encontro de Rennes desenvolvéronse reunións bilaterais e plenarias, co obxectivo de poñer en marcha iniciativas de colaboración e proxectos amplos que permitan unha optimización dos recursos de ATClusters e das proias entidades integradas na rede. A visita a un centro tecnolóxico local foi outra das actividades desenvolvidas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies