O sector TIC e a Xunta de Galicia avanzan no traballo conxunto para o desenvolvemento da Axenda Dixital

O sector TIC e a Xunta de Galicia avanzan no traballo conxunto para o desenvolvemento da Axenda Dixital


A elaboración dunha nova estratexia de financiamento que permita aproveitar mellor os recursos da Administración galega e captar recursos do exterior; o lanzamento dun programa de demanda temperá no ámbito socio-sanitario; a posta en marcha dun plan para o impulso do fogar dixital, e o lanzamento do Centro Demostrador TIC de Galicia foron os temas nos que se avanzou na última reunión entre o Goberno galego e o sector TIC, celebrada o pasado día 15 de outubro en Santiago de Compostela.

Neste encontro, que contou coa participación da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e no que participaron 17 entidades vinculadas ao sector TIC e as universidades, recoñeceuse a posición do Cluster TIC Galicia como interlocutor preferente co sector empresarial á hora de articular a comunicación para o desenvolvemento das iniciativas citadas. Estas enmárcanse no plan de acción de 2011 para o desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia.

A posición do Cluster TIC

O Cluster TIC presentou a súa posición sobre cales deben ser as prioridades no desenvolvemento desa Axenda Dixital de Galicia, plasmada no documento aprobado polo Comité Estratéxico na súa reunión do 29 de setembro.

Este documento defende a potenciación das accións públicas nas seguintes liñas:

-          Plan de banda ampla (redes e servizos).

-          Sector Socio-sanitario, apostando pola optimización de recursos, os servizos orientados á dependencia, a teleasistencia e o apoio aos maiores, así como ao desenvolvemento do concepto de Hospital na casa e da asistencia domiciliaria e en mobilidade (continuidade asistentencial).

-          Integración das TIC no sistema educativo.

-          Optimización de recursos, con redución de gasto asociado e incremento da eficiencia en Medio rural, Edificios administrativos e Comunicacións de emerxencia

-          Transforma TIC: aposta clara e contundente pola I+D, a innovación tecnolóxica, a demanda temperá e a internacionalización do sector TIC galego.

-          Economic-IT: potenciación da sensibilización empresarial de pemes e micro-pemes.

-          Fogar dixital.

-          Televisión dixital: infraestruturas para a alta definición, dividendo dixital, contidos específicos e servizos interactivos.

Do mesmo xeito, proponse a potenciación das accións empresariais nos seguintes sectores considerados estratéxicos: Automoción, Enerxía, Naval, Pesca, Medio Rural, Seguridade Vial e Transporte, e Textil.

Como terceiro punto, propóñense criterios para a racionalización dos recursos públicos destinados ao sector TIC, velando por que estes recursos redunden nun fortalecemento das empresas, no fomento da demanda temperá, no respaldo ás empresas que teñan capacidade tractora e a aquelas implicadas activamente na vertebración do sector, e máis no apoio ás iniciativas emprendedoras, por medio dunha “Factoría de Emprendedores TIC”.

O documento presentado polo Cluster TIC fai fincapé tamén na importancia de plantexar unha folla de ruta para o desenvolvemento dun pacto tecnolóxico-industrial. Este pacto ha ser capaz de interpretar as necesidades futuras do país e de integrar aqueles axentes que permitan establecer acordos sólidos e estables para desenvolver unha industria tecnoloxicamente avanzada en Galicia.

Finalmente, o Cluster TIC manifesta a que “os estudos e propostas sobre o escenario TIC que se están a densenvolver han ter unha visión máis empresarial, que sirva para cambiar os febles ratios que presenta Galicia en todo o relacionado coas TIC. Anticípase tamén a presentación pública a finais do presente ano do Plan Estratéxico das TIC, traballo que está a ser elaborado coa participación activa dos membros do Cluster.

A próxima reunión entre a Xunta de Galicia e o sector foi fixada para dentro de tres meses.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies