O Programa Voluntariado Dixital, ao que está adherido o Cluster TIC Galicia, vai cumprindo os seus obxectivos. Segundo ven de informar a Xunta, desde a posta en marcha da iniciativa, o 1 de febreiro, ata o 31 de xullo, un total de 42 entidades de acción voluntaria, 13 organismos colaboradores e 19 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no programa.
A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que sumar a dos 202 voluntarios que se adheriron á iniciativa en febreiro e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se vaian lanzando no marco deste programa.
O Programa de Voluntariado Dixital está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado. O obxectivo fundamental do programa para este ano é estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade.
Para o próximo semestre, o programa ten entre os seus obxectivos aumentar o número de persoas voluntarias para o que se abrirá a segunda convocatoria para adhesión de voluntarios a finais do mes de setembro. Tamén o vindeiro mes porase en marcha un grupo de traballo sobre “Tecnoloxía social, accesibilidade e usabilidade” co obxectivo de elaborar un plan de acción nesta materia que cumpra a premisa de achegar as tecnoloxías a todas as capas da poboación para axudar a mellorar a vida das persoas.
Comentarios