O Cluster TIC Galicia, representado polo seu xerente, David Trigo López, estivo na presentación do Plan Estratéxico do Cluster Saúde, que tivo lugar o mércores, día 18, en Santiago de Compostela. Segundo se explicou, o desenvolvemento da medicina personalizada será unha das prioridades do Plan.
Hoxe en día é científica e tecnicamente posible desenvolver unha medicina personalizada non só no trato, senón aplicando unhas medidas terapéuticas de acordo co xenoma da persoa. Os avances actuais en genómica reduciron o custo de análise do ADN e permiten secuenciar un xenoma completo en menos dunha semana por un custo relativamente baixo.
Así o enténde o Cluster Saúde e por iso defende no seu Plan Estratéxico que, co desenvolvemento e implantación da medicina personalizada, se optimizará a asistencia médica e os resultados para cada individuo, permitindo unha personalización dos mellores tratamentos, tipos de medicación, dosificacións, e estratexias de prevención, co consecuente aforro asistencial.
Esta será unha das accións que priorizará o Cluster Saúde no seu Plan Estratéxico para os próximos anos, que foi presentado onte en Santiago de Compostela. O acto contou con representación do Clúster TIC Galicia e estivo presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, quen destacou que no que vai de ano se consolidou o aforro farmacéutico. Feijóo puxo así mesmo de relevo o papel que o sector sanitario ha de xogar na mellora da economía galega xa que, segundo dixo, produce máis investimento que o gasto que leva consigo.
A teleasistencia para crónicos, a alimentación para maiores, celíacos e diabéticos e o atraso do envellecemento, serán outras liñas de actuación nas que se centrará o Cluster Saúde para mellorar a asistencia sanitaria e impulsar a economía galega.
Fontes: O Correo Galego e Xunta de Galicia.
Comentarios